Trato de non pensar na guerra. Encho o día de tarefas pequenas, de rutinas que ocupan as mans e, con sorte, tamén a cabeza, pero acaban coándose as palabras, as imaxes, as ameazas. Como unha corrente de aire frío que entra por debaixo da porta.
Na casa falamos doutras cousas, mais ás veces abonda unha frase para que todo regrese.
A miña filla contaba que na clase estaban cos antigos imperios, co poder, coas conquistas. Falou de Alexandre o Grande, dese home que parecía querer abarcar o mundo enteiro. E rematou cunha conclusión tan sinxela que deixou o aire en suspenso: «Daquela, non estaba Trump».
Non souben que dicir.
É máis ca unha comparación inocente. As nenas intentan entender o presente cos mapas do pasado e, nese exercicio, aparece Donald Trump, co seu xeito de falar, de ameazar, de converter a política nunha exhibición de forza.
Dicir que un país «voará polos aires» non é unha frase sen máis, é unha sacudida. Coloca o mundo enteiro nun fío tenso, facendo que todos miremos cara ao mesmo punto, coa respiración contida.
Como pode ser que nos teña así? Como unha soa voz é capaz de instalar o medo en millóns de casas?
O máis preocupante é afacernos a ela, escoitala, comentar e seguir co día, converténdoa nun ruído de fondo, coma se fose inevitable. E non debería selo.
No fondo, todos sabemos que hai palabras que non se poden desoír, pero tamén debemos permanecer alerta a todo.
O mundo tamén nos chama á porta con demasiada forza. Escoitades? Se non reaccionamos, acabará estoupando, si.