Achéganse as Letras Galegas e pregúntome como chegamos aquí: unha literatura colonizada polas maneiras madrileñas e que deturpou o galego ata o punto de que moitos dos nosos (exiguos) supervendas parecen traducidos ao galego por unha IA.
Os escritores máis ou menos profesionais da literatura galega, aqueles que viven dos seus dereitos de autoría, en realidade fano grazas a unha perversión baseada na lóxica colonial que sempre nos caracterizou: publican en España novelas que (teoricamente) son traducións pero que, alí, son tratadas como orixinais en español. En fin, que triunfar na literatura galega é o mesmo que vivir da edición en España, onde o 50 % dos libros publicados non vende ningún exemplar e o 94 % non chega a cen. E nós convencidos de que a profesionalización ía salvar a literatura galega.
O sistema editorial español deixou de publicar iso que chaman despectivamente «literatura» para publicar maioritariamente libros fáciles para unha masa vítima dunha educación que, interesadamente, renunciou a formar na literatura. Para quen prefira outro nivel, traducións (pero as galegas non contan como tal). Se O'Farrell fose española non atoparía editor; e ninguén publicaría a Cunqueiro, por literario (difícil), ou sexa, invendíbel, pois as editoras só arriscan se un descoñecido vai precedido de 2.000 exemplares vendidos do libro anterior, agás que sexa en galego. Non sei se somos parvos ou tan só fillos da vella vasalaxe que cre que morde a man que lle dá de comer se ve que lle pon veleno.
Realmente queremos que a literatura galega de referencia sexa a que o xefe comercial dunha editorial española entende vendíbel? Sexan sinceros: cren que autoras e autores de venda media en España merecerán no futuro o Día das Letras Galegas?