PSOE e demos

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

O PSOE sufriu a primeira escisión en 1921, cando rexeitou as condicións impostas pola Internacional Comunista para integralo como sección española. Pablo Iglesias, Julián Besteiro e Fernando de los Ríos conseguiron impoñer o seu criterio, pero a perda de militantes foi importante. En 1936 foron as Xuventudes Socialistas, capitaneadas por Santiago Carrillo, quen deixaron o PSOE para unirse ás Xuventudes Comunistas. Daquela, nos meses previos á Guerra Civil, o revolucionario Largo Caballero e o socialista moderado Indalecio Prieto odiáronse como nunca se vira e probablemente non se verá entre membros dun mesmo partido. Non houbo escisión, pero o PSOE dividiuse en dous bandos tan enfrontados que, cando Indalecio Prieto, Juan Negrín e outros destacados socialistas tentaron dar un mitin na praza de touros de Écija o 31 de maio de 1936, seguidores de Largo Caballero e membros das Xuventudes Socialistas Unificadas impedíronllelo con berros, pedras e disparos. Fuxiron protexidos pola Garda Civil e os propios escoltas, pero as súas vidas correron perigo. O cainismo do PSOE seguiu a manifestarse no exilio e Indalecio Prieto, que acusaba a Negrín de presidir o último Goberno da República como un monicreque da URSS, expulsouno do partido en 1946. A última escisión produciuse en 1974 cando Rodolfo Llopis, secretario xeral do PSOE no exilio durante trinta anos, non aceptou que o congreso celebrado en Suresnes o substituíse por Felipe González, e creou o PSOE histórico.

O novo PSOE presentouse en democracia co eslogan «Cien años de honradez», de grande impacto, pero falso. A incautación das coleccións de moedas de ouro do Museo Arqueolóxico Nacional ordenada polo Goberno cando viu a guerra perdida, e que nunca apareceron, abonda para invalidalo. Despois, desde 1982 ata hoxe, os casos de corrupción multiplicáronse con protagonistas de requintada elegancia ás veces, con auténticos bandallos outras. E en paralelo a perda continuada de afiliados tránsfugas, críticos e tocapelotas. Como resiste o PSOE? Como non desapareceu? Pregúntomo e recordo o conto do Decamerón no que un cristián quere converter un amigo xudeu e este vai a Roma para ver o papa e os cardeais no seu ambiente, e cando volve bautízase porque se unha relixión con pastores tan deshonestos en todos os pecados resiste e medra, ten que ter o Espírito Santo por fundamento e sostén. Home, o fundamento e sostén do PSOE non pode ser o Espírito Santo, pero si algúns dos anxos rebeldes expulsados do Paraíso e convertidos en demos. Penso en Alfonso Guerra e en Pedro Sánchez. Polo que deles leva dito a dereita, deberían ter cornos e rabo. Será cousa de investigalo.