Cómpre axudarmos a Cuba

Enrique Sáez Ponte ECONOMISTA

OPINIÓN

María Pedreda

Máis de seis décadas de ditadura comunista levaron a Cuba a un grave atraso. Fíxose moi dependente das axudas da URSS e despois da Venezuela chavista, que xa non lles chegan. Agora, o bloqueo imposto por Trump, que ameaza con invadir a illa para forzar un cambio, leva ao límite a resistencia dos cubanos.

España sentiuse sempre próxima á súa derradeira colonia americana, independizada en 1898 coa intervención dos Estados Unidos, que a ocuparon ata 1902. A visión ianqui considera a zona como patio traseiro para exportar de todo e zugar man de obra e materias primas baratas, e quere volver ter Cuba baixo control. Como os cubanos non son anglosaxóns, o máis que lles ofrecerán será converterse en Estado libre asociado, como Puerto Rico, unha variante de colonialismo.

A situación de España no taboleiro político internacional abre posibilidades de axudarmos a que Cuba non fique soa, aos pes de Trump. Somos membros da Unión Europea, que amosa vontade de que o seu modelo institucional, apoiado no comercio e a democracia, bote raíces en Iberoamérica. De aí vén o tratado comercial preferente con Mercosur, que estes días comézase a aplicar. Doutra banda, temos boa relación cos dous principais países iberoamericanos, Brasil e México, cos que recentemente pactamos aportar axuda conxunta a Cuba. Os gobernos de esquerda poden servir de referencia á evolución do réxime cubano.

Promover un cambio en Cuba desde o respecto a súa soberanía, e achegala á democracia e a economía de mercado sería un triplo salto histórico: 1) Estender nunha zona amiga a visión que está detrás da UE, alternativa ao imperio de forza; 2) potenciar as capacidades de Iberoamérica para resistirse ao poderoso veciño do norte apoiándose entre eles; e 3) abrir aos cubanos as portas dunha mellor situación económica e de respecto das liberdades, mantendo vantaxes que trouxo o comunismo, como educación e sanidade para todos.

Non será fácil, Trump verao como unha intromisión. Necesítase moita discreción nos contactos co goberno cubano para consensuar obxectivos de cambio, ofrecendo apoio para cumprilos. Non cabe descartar que, unha vez iniciada, a negociación poda confluír coa que intentan os EE.UU. desde una posición de forza, para facela máis viábel e beneficiosa. En paralelo, si se conseguen compromisos que favorezan a volta dos exiliados cubanos na Florida, con mucha influencia no partido republicano, estes poderían colaborar a suavizar posturas no seu país de acollida. O importante consulado de España en Miami debe xogar un papel relevante para falar con eles, informarlles de contactos e valorar sensibilidades diversas.

Galiza apoiaría estas accións. Se Manuel Fraga aínda presidira a Xunta, seguro que o faría. Moitos galegos coma el están vencellados á maior illa caribeña, parte significativa da historia galega. Foi no grande Centro Galego da Habana onde se elixiron a nosa bandeira e o noso himno.