Escolas infantís

OPINIÓN

Manifestación en defensa de mejores condiciones en la educación infantil.
Manifestación en defensa de mejores condiciones en la educación infantil. Ángel Díaz | EUROPAPRESS

Rosa está de folga. Non a coñezo persoalmente, pero dende hai tempo forma parte da nosa familia. Foi a profe de Aldán durante os seus primeiros tres anos e agora, por sorte, está a ser a de Airas, que aínda está nesa etapa tan importante para un neno. Dende hai xa corenta anos, as administracións prometeron que as escolas infantís nunca serían un simple recurso de conciliación para o traballo das familias, nin unha etapa menor das nenas e os nenos. Ía ser o primeiro chanzo do sistema educativo. O certo é que as profesionais como Rosa denuncian salarios precarios, ratios imposibles e condicións incompatibles coa atención que precisan os cativos a esas idades. O abandono institucional é máis ca evidente. En moitas aulas, unha soa persoa atende moreas de bebés ou vinte nenos de dous a tres anos, poñendo en risco calquera recomendación que garanta a seguridade, a calidade ou as propias emocións dos cativos. Hai tempo que a pedagoxía, a psicoloxía, a neurociencia e o sentido común avisaron do decisivos que son estes anos de escola infantil, non gardería, para o desenvolvemento cognitivo e afectivo dos pequenos. Investir aquí nunca se debería ver coma un gasto. Tense que aceptar que é unha oportunidade incrible para a igualdade. As aulas non poden seguir funcionando baixo mínimos, e máis nestas idades. Desprezar a infancia é desprezar o futuro. Como é posible que moitas educadoras, ás que se lles esixe formación especializada, cobren apenas o salario mínimo e non se teña en conta a súa enorme responsabilidade física e emocional? Por que as tratamos coma simples coidadoras? Como podemos falar de protexer a infancia mentres subestimamos a quen coida e educa todos os días os nosos nenos? Non deberían ser as familias, obrigadas a confiar os fillos a un modelo saturado, as que hoxe se botasen á rúa? A nosa si o fai, cando menos, para lles agradecermos a Rosa e ao seu equipo docente o traballo feito con Aldán e Airas.