WTF

Inma López Silva
INMA LÓPEZ SILVA CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Cartel de What The Fav, empresa das fillas de Rodríguez Zapatero.
Cartel de What The Fav, empresa das fillas de Rodríguez Zapatero. Carlos Luján | EUROPAPRESS

«Atrevéronse!», pensei orgullosa delas; as nenas góticas cuxa foto cos Obama percorreu o mundo no 2009 fixéronse mulleres, abriron unha empresa e, por suposto, non defraudan (a nós, as súas fans, quero dicir): chamárona coas siglas british para «What The Fuck» (‘que cona!’) e un corazonciño fucsia moi da súa xeración. Logo veu a decepción: nestes 17 anos perdeuse algo daquela autenticidade tan punkie como para lle pór cara de fastío ao presidente de EE.UU. Na realidade, o «fuck» é «fav» (‘favorita’), para disimular, e, en fin, puxéronse a facer o mesmo que calquera cayetano que inventa un bluf porque currar é de idiotas.

Pero que mal disimulan as «fillas-de» de esquerdas, de dereitas e multidimensionais cando suplantan co poder dos pais a súa falta de luces! Ou quizais sexa que van de sobradas, afeitas a ter todo de cara, mirando por riba do ombro a quen celebra coma a chuvia no incendio a primeira ganancia miserábel anos despois de abrir a primeira empresa. E nós, incautas, sen saber que aquelas dúas góticas do 2009 (tan celosas da súa intimidade que podían ter descuberto a cura do cancro sen que o soubésemos) eran unhas xenias capaces de facturaren preto de medio millón de euros. Non hai algún premio de empresarias para darlles ás raparigas normais que preferían os videoxogos á visita turística á Casa Branca?

Xa sei que están as hordas socialistas en pleno shock paternalista pedíndonos ás columnistas de esquerdas que non nos asañemos coas nenas góticas. Pero xa son coma min cando tiven fillas e non chegaba a fin de mes, e resulta que elas son o detalliño, o dato, a molécula de olor a podre no affaire Zapatero, a pústula que infecta a posibilidade de que haxa vida honesta despois de pasar pola Moncloa.