Os do non

Fernanda Tabarés
Fernanda Tabarés OUTRAS LETRAS

OPINIÓN

Ana Pontón,  no Parlamento de Galicia.
Ana Pontón,  no Parlamento de Galicia. PACO RODRÍGUEZ

Aquela descrición ontolóxica que o fraguismo fixo do BNG foi unha xenialidade. Na liorta política a guerra cultural é máis importante que a ideolóxica e introducir na sociedade galega que os nacionalistas eran «os do non» enchoupou a consideración colectiva que moitos galegos tiñan do Bloque, alén incluso do perímetro electoral do PP. Se os do Bloque eran os do non, os do PP viñan ser os do si, os que querían que o país medrara, os luminosos fronte os túzaros, os que facían fronte os que paraban. A descuberta chegara para quedar porque tantas décadas despois de que fora argallada segue nos miolos dos populares como o súper artefacto co que bater nas cacholas bloqueiras. Hai uns meses, Paula Prado falou do Bloque Negacionista Galego e de Ana Non-Non, nunha adaptación tiktoqueira ben pavera.

Mais resulta que varias estratexias de normalización lingüística despois, o afiado «os do non» ten atopado un novo entendemento. Ese «non» atinxe a todos os que non falan galego, ese galego que non se fala no médico, nin na froitería, nin na discoteca, nin nas consellerías, nin nas oficinas, o galego que non se fala pola rúa, nin o deitarse nin o erguerse, nin para amar, nin para odiar. Experimenten. Salgan por unha cidade galega e escoiten a conversa da rúa, un barullento rumor castelán con mesturas crecentes no inglés dos que baixan dos transatlánticos. Hai unha esperanza na nova escena musical galega que chega a mozos que nunca falan galego, pero o panorama institucional e social é desolador, con moitos políticos que xa nin sequera respectan ese uso litúrxico que durante anos foi un compromiso de mínimos. Os poucos, ano a ano, ese «os do non» acabou sendo un xeito de excomuñón. E se os do non resultamos ser todos nós?