No ano 1961, un excelente grupo vocal feminino estadounidense, chamado The Shirerlles, chegaba ao número un das esixentes listas americanas co single titulado Will you love me tomorrow (composta, en parte, nin máis nin menos que por Carole King). Busquen a canción nas redes. É un deses temas que dan ganas de vivir e de bailar. O problema era a súa letra, algo explícita para a época e, sobre todo, que era un grupo vocal de rapazas negras. A reacción da igrexa catolica foi prohibirlle aos fieis que as escoitaran, que as seguisen, que atendesen a ese grupo de herexes. A conclusión foi que comezou a escalar postos nas listas ata chegar, como digo, ao número 1 impulsado, precisamente, por esa tentativa de acabar con elas.
Sesenta e cinco anos despois, ninguén lembra o nome dos bispos que se volveron tolos coa canción e que loitaron para protexer á mocidade da corrupción que implicaba ver un grupo de raparigas pedindo amor, mañá ou cando fose. Pero ás Shirelles si que as lembramos. Como ós Beatles, que gravaron un dos seus temas, o titulado Baby, it’s you no seu primeiro LP. Como non lembramos aos que tomaron a decisión de coller os fusís e cargarse a Lorca. Pero si que lembramos os versos arrebatados do poeta en Nova York. Nin a tantos que, ao longo da historia, pretenderon poñerlle portas ao campo, fronteiras ao mar e perseguir ou matar aos artistas. Polo que sexa, a arte sempre nos trascende e, cando nos extingamos, que sucederá, se algunha civilización extrasolar consigue pousar, coma Odiseos futuros, as súas naves aquí, quizáis atoparán algún vestixio artístico e pensarán: «Despois de todo, non eran tan idiotas. Tiñan sensibilidade artística».
Toda esta reflexión ten que ver con que ao final sempre sae a luz. Vivimos unha época tenebrosa na que líderes mundiais con poucas luces impoñen unha tiranía neoliberal que fai que asumamos con normalidade a restricións da liberdade, a perda de dereitos, unha especie de estulticie programada na que as redes sociais teñen moito que ver. Como quen enferma de alzhéimer, un non se decata do que lle está pasando ata que é tarde de máis.
Mais ao final, a liberdade sempre gaña. Os bos sempre gañan. O malo é todo o sufrimento que hai mentres certas épocas históricas non se deixan atrás. Agora estamos nesa era escura. Hai guerras e todo arde. E non me refiro só aos montes. Arden as arelas de liberdade e o virus fascista volve moi forte.
Pero pasará. Xa o dixo George Harrison: «Todas as cousas terminan pasando». E amarémonos, como cantaron as Shirelles, mañá. E moi forte, ademais.