Nos últimos días, a situación económica da Universidade da Coruña ocupou parte do debate público. Como reitor considero necesario contribuír con serenidade e respecto a este diálogo. A UDC é solvente, socialmente imprescindible, con capacidade para cumprir os seus compromisos e seguir prestando un servizo docente de calidade, investigador e de transferencia de primeiro nivel.
A existencia dun desequilibrio estrutural entre ingresos ordinarios e gastos recorrentes é real. Por iso este equipo de goberno decidiu diagnosticar con criterios técnicos, explicar con transparencia e actuar con responsabilidade. Presentar ese desequilibrio como un problema nacido no 2024 ou atribuíble ao actual equipo reitoral non é correcto nin real. As revisións técnicas realizadas pola universidade amosan que o remanente de tesouraría non afectado era negativo e crecente desde anos atrás. O que mudou desde 2024 non foi a realidade económica, senón a vontade de facela visible.
Resultan desafortunadas afirmacións que desvinculan a xestión anterior dunha situación agora acreditada. A liquidación das contas do 2024 non inventa nin crea un problema: ponlle cifras e contexto a un desequilibrio acumulado, que precisa de axustes e medidas correctoras.
A situación foi comunicada aos órganos competentes: consello de goberno, claustro universitario, consello social e á Xunta, aos que trasladamos a documentación económica. Esa é a diferenza entre opacidade e transparencia: asumir o custo institucional de explicar unha realidade incómoda. Nestes dous anos e medio o equipo de goberno traballou con lealdade institucional, sen alimentar polémicas persoais nin procurar culpables fáciles. Adoptáronse medidas de contención, moitas veces difíciles, e púxose en marcha unha folla de ruta para recuperar o equilibrio. Ese labor permitiu pasar da inercia á diagnose e da diagnose á acción.
A UDC ten retos financeiros, nun contexto de custos crecentes e financiamento estrutural insuficiente. Pero conta cunha fortaleza académica evidente: investigación competitiva, capacidade de atracción de talento, compromiso social cos campus da Coruña e Ferrol e unha comunidade universitaria que sostén o prestixio da institución.
A UDC é tamén unha historia colectiva de crecemento, de coñecemento e de oportunidades para milleiros de persoas. Esa debe seguir sendo a nosa ocupación principal: sumar vontades para xerar coñecemento, formar talento e ampliar o servizo público que a universidade presta a Galicia. O que precisa a UDC é rigor, responsabilidade e colaboración institucional, non posturas simplistas nin a utilización política da súa realidade económica. Esta Reitoría identificou un problema, actuando con transparencia, e puxo en marcha medidas para corrixilo. Esa é a nosa obriga. E seguiremos cumpríndoa por respecto á universidade e a toda a sociedade.