O «humor inglés», con esa sutileza intelixente que case sempre arranca sorrisos e case nunca gargalladas, é un dos sinais distintivos do carácter británico. Os que creceron con Mr. Bean poden dubidar da sutileza e intelixencia dese humor, pero, como di un dos nosos máis salientables anglófilos contemporáneos, Ignacio Peyró (Pompa e circunstancia), «Mr. Faba» só é «a confirmación de certo declive na materia».
Clacton on Sea, ou simplemente Clacton, é unha vila de pouco máis de 50.000 habitantes na costa de Essex, 120 quilómetros ao noroeste de Londres. A finais do XIX construíuse un deses malecóns de madeira cun local sobre o mar, agora cheo de máquinas comecartos. A partir dos sesenta converteuse nun centro turístico para a clase traballadora de Londres, que a competencia dos paquetes turísticos mediterráneos fixo declinar. Na actualidade é unha vila dormitorio das cidades próximas e ten unha das cifras máis altas de desemprego de Inglaterra.
Nigel Farage, antes axente da bolsa na City de Londres, executivo de varias multinacionais e vinte anos eurodeputado, foi un dos impulsores da saída da Gran Bretaña da Unión Europea co Partido da Independencia. Tras o brexit anunciou que abandonaba a política, pero no 2019 creou unha nova formación, Reform UK, á que as enquisas daban como vencedora nas próximas eleccións xerais ata o recente relevo no liderado do goberno laborista. No 2024 e tras varios fracasos previos, foi elixido membro do Parlamento británico polo distrito de Clacton, no que Farage nin reside, pero que é socioloxicamente receptivo á súa radical mensaxe xenófoba e isolacionista.
Con 12.000 votos, o 44 %, relevou ao conservador que representaba á vila. Pero ao igual ca outros líderes nacionalpopulistas (como o seu amigo Donald Trump), non soubo respectar esas raias que separan a actividade política dos intereses privados. Na actualidade está sendo investigado por recibir e non declarar na Cámara, como impón o seu código de conduta, varios millóns de libras de dous empresarios das criptomoedas (un, residente en Tailandia; outro, convicto por fraude), cos que financiou o partido e adquiriu para si mesmo unha mansión de máis dun millón de libras.
Descuberto pola prensa (tres hurras polo The Guardian), Farage dimitiu como deputado, provocando a convocatoria dunha elección parcial (by election) en Clacton, co moi democrático argumento de que sería o pobo quen o xulgase.
Os demais partidos grandes, do conservador ao laborista, decidiron non presentar candidato para non facerlle o xogo. Pero como para ser candidato a deputado no Reino Unido só é necesario o aval de dez electores da circunscrición e o depósito de 500 libras (que se recuperan de obterse máis do 5 % dos votos), os electores de Clacton van enfrontarse á papeleta máis poboada da súa historia. Concorren 33 candidatos contra Farage (tres do mesmo partido, o Partido dos Monstros Tolos e Delirantes), entre os que salienta, nas redes, un candidato doutro planeta chamado «Conde Cara cubo de basura», cuxo programa (manifesto) inclúe promesas como a de pasar máis tempo en Clacton que en Washington; baixarte a ti os impostos e subirllos a todos os demais, ou non aceptar regalos en criptomoedas, pero só no planeta Terra.
O próximo xoves, 13, será a votación. O día no que Clacton nos informará de se é o humor, ou a política, a materia que está sufrindo certo declive en Inglaterra.