Tarxetas

OPINIÓN

Pago con tarjeta en un establecimiento.
Pago con tarjeta en un establecimiento. UNSPLASH / NATHANA REBOUÇAS | EUROPAPRESS

O outro día, mentres tomaba un café e lía a prensa, asistín a unha pequena liorta cando uns clientes lle reprocharon ao dono do local non poder pagar con tarxeta. Foi unha discusión áspera, que houbo de chegar as mans, e que compartín na casa coa familia para testar unha vez máis a súa opinión sobre o caso.

Eu sempre ando con cartos en efectivo e non hai moito mesmo defendía o dereito que temos todos a pagar un par de cafés con moeda ou billete. Sei que aínda hai moita xente coma min que gusta de pagar por ese medio. Agora ben, as miñas fillas, afeitas ao uso electrónico, din que non é por unha cuestión de teimosía senón de comodidade e tamén de transparencia. Elas aseguran que o das comisións ou o custo da terminal xa non é un argumento convincente para se negar a usar ese tipo de pagamento porque as plataformas ofrecen sistemas baratos ou solucións que mesmo permiten usar un móbil como terminal, sen ter que mercar o chintófano convencional. Xa que logo, aceptar tarxeta ten un custo mínimo e non parece razoable presentalo sempre coma unha carga económica que non se poida asumir. Para moitos negocios é só un gasto máis da actividade, coma tantos outros necesarios para poder vender. Se cadra, o tema máis delicado sexa o da transparencia, porque as tarxetas deixan un rexistro que permite saber a facturación real do negocio. E os billetes, pola contra, non deixan esas pegadas. Todos sabemos o significado disto. Cando existe vontade de ocultar ingresos, o efectivo pode ser o mellor xeito de non declarar as vendas, pero tamén sería inxusto facer aquí a equivalencia coa fraude fiscal, como si o fixeron os clientes do outro día, que mesmo lle pasaron polo nariz ao dono do local, e en público, o tema da sanidade, a educación, as pensións ou o servizos sociais.

A miña familia bota enriba de min tamén a responsabilidade colectiva e dime que eu non debería entrar nese local insolidario, por moitos exemplares de prensa que teña dispoñibles.