Hai moita xente que pensa que ser funcionario público é un choio, un soño que dá seguridade, vacacións, estabilidade, unha boa vida e moitas máis cousas que, si, en moitos casos poden ser certas, pero que agochan outras realidades non tan fantásticas. Nos últimos tempos hai un engadido máis cruel que ten que ver cos destinos. Non é o mesmo ser administrativo ou médico en Madrid ou nas Baleares ca en Zamora ou en Boiro. A diferenza fundamental márcaa o prezo da vida e, sobre todo, o da vivenda. Isto non é algo novo. O meu primeiro destino como funcionario en Madrid fixo que me decatase de que non era gran cousa iso de ser funcionario, porque, se non chego ter familia alí, non me abondaría para arrendar un piso. Hoxe, seica un de cada tres funcionarios que aproban a oposición renuncia á praza cando lle toca un destino como poden ser as Baleares ou unha das grandes cidades. Nestes lugares é imposible chegar a final de mes e ninguén quere perder cartos por traballar.
Destinado en Madrid, preguntei un día no Ministerio de Educación e Ciencia, cando o dirixía Rubalcaba, se me podía presentar de novo ás mesmas oposicións que xa aprobara para ver se cunha mellor nota collía un destino en Galicia. A normativa daquela non dicía que non, pero, cando cursei a petición, a funcionaria que me atendeu puxo cara de estar a falar con alguén ao que o sentido lle andaba polas silveiras e díxome que ma ían denegar, como así foi, porque na seguinte convocatoria xa aparecía un punto no que se lle prohibía a calquera persoa presentarse á mesma oposición se xa a aprobara. Estou convencido de que nese caso había unha lagoa legal que eu cubrín por preguntar. Parvo de min.
O caso é que para moitos funcionarios públicos a oposición e a promoción pasan por vivir nas grandes cidades onde están as consellerías e os ministerios que absorben case todas as prazas, e alí a vivenda apaña unha boa parte do soldo e fai do soño de funcionario un verdadeiro pesadelo.