En Cuba, a rede eléctrica funciona en base a enerxía térmica, polo que a falta de petróleo faina sobrevivir nun eterno apagón. Nos últimos trinta anos houbo na Illa Feiticeira un aumento da demanda de enerxía eléctrica polos servizos telemáticos. Os cubanos non renunciaron aos ordenadores, os teléfonos celulares intelixentes e as infraestruturas que soportan as súas redes. Servidores de internet, estacións de radiotelefonía e centros de cálculo pouco aguantan con baterías e grupos electróxenos.
A economía centralizada foi afrouxando, e agora permite actuar a mipymes, pequenas empresas. Os cubanos, logo de tanto tempo de comunismo caribeño, aprenderon a «luchar» e «resolverse». Ás caladiñas, China foi conquistando o país con aparellaxe electrónica a prezos baixísimos, grazas ao cal xurdiu a última resolución cubana: as «solineras», estacións de servizo de electricidade ao xeito das gasolineiras, edificios con teito amplo cóbrense de placas fotovoltaicas; dentro deles instálanse acumuladores de enerxía, adaptadores de tensión e enchufes para cargadores dos dispositivos electrónicos da clientela. Curiosamente, como non hai electricidade, á hora de cociñar, nas colas das «solineras» tamén aparece xente cunhas potas electrificadas para facer o arroz ao vapor. Viva Cuba máxica-realista.