Quen pide perdón?

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Aula vacía en un instituto de educación secundaria.
Aula vacía en un instituto de educación secundaria. Jesus Monroy | EFE

Como docente hai xornadas que saio dunha aula coa sensación de que a miña materia é non ceder nunca. Un alumno interrompe, outra fai un xesto, varios miran para atrás mentres explicas, outra esixe que lle aclares algo cando se lle antolla... pides atención e recibes unha provocación, unha mala resposta. Ás veces son pequenas cousas, outras non. Pero ata o pequeno, cando se repite cada día, acaba construíndo unha maneira de estar. Moitos recoñecen a falta e algúns mesmo din que fóra da casa non se comportan así. Outros si, coa familia tamén. Pregúntome que foi antes: a galiña ou o ovo.

Estamos educando unha xeración que non sabe aceptar un límite? Ou estamos vendo nas aulas o reflexo dunha sociedade que non tolera que lle leven a contraria? Pedímoslle ao alumnado que non interrompa, que respecte, que escoite, que non levante a voz, que recoñeza cando se equivoca. E despois acendemos a televisión e alí tamén se interrompe, tamén se berra. Soben os cualificativos, as palabras, as acusacións. Xa non abonda con discrepar: hai que desacreditar, esmagar, machucar. Vese nos platós, nas redes, a política, no mesmo Congreso. Vaia.

Preocúpame menos a falta dun bo comportamento ca a desaparición dunha palabra: perdón. Pedir perdón significa aceptar que nos equivocamos, que o outro pode ter razón, que unha resposta foi excesiva, que fixemos dano. A educación quizais non comece nunha nova lei, protocolo ou materia, senón con alguén que sexa quen de dicir: perdón. Sen consideralo unha derrota.