En menos de doce horas do sábado 12 de setembro fóronse abruptamente dous amigos: Xosé Manuel López Tuñas e Carlos Nieves Vicente, lembrados alcalde de Negreira e concelleiro de Santiago, respectivamente. Ambos eran expoñentes de como a política serve para amistar e servir á cidadanía, ao interese público.
Con Manolo a amizade empezou coa recuperación da democracia e a implantación na comarca de Barcala daquel PSdeG-PSOE polo que tanto traballamos coa doutora María Almirón e Antonio Campos, enxeñeiro técnico de Extensión Agraria. Eran tempos cheos de ímpeto, de entrega incondicional. Os nosos itinerarios municipais foron paralelos. A prioridade era poñer orde urbanística, cortando de plano as ilegalidades, con moitos desabores pero tamén con resultados satisfactorios, porque o bo urbanismo dá votos. Manolo sufriu, coma min, unha moción de censura e foi inmediatamente reelixido por maioría absoluta. Retirouse en silencio despois dunha traxectoria marcada pola promoción da cultura en galego e a solidariedade coa comunidade barcalesa no exterior, que pasaba por momentos de necesidade. Retornou ao seu traballo docente, no que se xubilou sendo un mestre moi querido, e deixa un intenso traballo de recuperación e divulgación da memoria, xunto a un documentado arquivo gráfico da historia da súa vila natal.
Carlos chegou catro anos máis tarde, incorporando ao goberno municipal compostelán a súa formación como economista e unha característica alegría. Ocupou varias delegacións e en todas demostrou a súa capacidade de xestión. Como afeccionado aos deportes, puxo especial empeño na realización do proxecto do estadio de San Lázaro e do multiusos do Sar. Continuou a carón de Xosé Sánchez Bugallo, exercendo as súas dotes para a relación humana no seo da Corporación e no espazo público. Logo veu a dedicación á asociación Compostela Solidaria, sempre atento para axudar os colectivos sociais desfavorecidos. A súa ausencia déixase notar nas rúas de Santiago e nos nosos teléfonos, aos que xa non chega o saúdo musical de cada mañá.
A paisaxe afectiva queda máis deshabitada coa perda de dous amigos e socialistas que xogaron un papel importante nas corporacións da Transición, aquelas nas que a democracia se practicaba co exercicio da cortesía e o entendemento, non sempre correspondidos. Non se discutía sobre competencias entre administracións, un debate estéril que leva á parálise, senón que se buscaba a resolución dos problemas en común, porque en política municipal todos os sectores contan. Por iso, a xente daquelas xeracións detestamos ver como cada día, cara ao público e en directo, dinse e fanse barbaridades que quedarán inscritas con letra indeleble nas biografías dos protagonistas. Ou talvez non, porque dá a sensación de que todo é efémero e que o novo día nos vai sorprender con algo aínda peor.