Para conmemorar o 175.º aniversario do nacemento de Emilia Pardo Bazán, a Real Academia Galega celebrou unha xornada arredor do seu papel como pioneira na introdución do xénero negro en España. Edgar Allan Poe e Conan Doyle abriran unha vía que axiña transitaron outros autores e autoras e que daría lugar a unha vizosa produción literaria e cinematográfica, ata converter o xénero nun dos fenómenos máis exitosos da cultura de masas contemporánea.
O desexo de descubrir e comprender o que permanece oculto pode explicar parte dese éxito. Pero existe tamén un compoñente psicolóxico e social de fonda raigame. Como explicou Jeffrey Jerome Cohen, os monstros son corpos culturais: cada época proxecta neles os seus medos máis arraigados. Cabe preguntarse, daquela, cal é o noso.
Poe entregounos a intelixencia analítica de Auguste Dupin; Conan Doyle, a confianza na razón de Sherlock Holmes. O crime aparece como un enigma que pode ser resolto se alguén interpreta correctamente os indicios. Pardo Bazán coñece esa tradición, pero non se limita a reproducila. En La gota de sangre, Ignacio Selva non é un detective infalible nin escrupulosamente sometido á lei: dubida, actúa por intuición, oculta información e chega a suplantar a policía. A razón xa non ofrece todas as certezas e a fronteira entre quen investiga e o mundo que investiga comeza a volverse inestable.
Pero é talvez noutros relatos onde Pardo Bazán introduce unha perturbación máis fonda. En Un destripador de antaño, a crenza supersticiosa nun suposto remedio converte unha rapaza vulnerable en vítima dunha violencia alimentada pola ignorancia e pola desigualdade. En El indulto, pola contra, non hai misterio ningún sobre a identidade do monstro. Antonia sabe quen a ameaza: o seu home, condenado por asasinar a sogra e disposto a regresar cando recibe o indulto. O terror non procede aquí do descoñecido, senón da certeza. Todos coñecen o perigo, pero nin a lei nin a comunidade son capaces de protexela.
Esta intuición de Pardo Bazán conserva unha incómoda actualidade. Acostumamos imaxinar o monstro como unha criatura excepcional. A autora de tantos relatos centrados na violencia contra as mulleres empregou xa en 1901 o termo mujericidio para nomear unha realidade que adoitaba encubrirse baixo expresións como «crimes de honra» ou «crimes pasionais». Ela serviuse do relato criminal para revelar as estruturas sociais desa violencia. A literatura criminal e de terror soubo ver ben que o medo máis atroz xorde cando o monstro ten un rostro que se nos parece, cando o crime sucede nos espazos da intimidade ou alí onde non o agardabamos.
Quizais por iso seguimos lendo relatos criminais. Non só queremos saber quen cometeu o crime. Queremos comprender como foi posible. E esa é a pregunta que converte o xénero negro nunha forma de coñecemento social: non quen é o monstro, senón qué parte de nós, dos nosos medos e das nosas estruturas, contribuíu a crealo.