A busca da verdade sempre foi complexa, pero coido que nunca chegou ao nivel de dificultade que vivimos hoxe. Discernir que é verdade e que non é un traballo de fondo, pois ás estratexias habituais dos seres humanos para enganarnos e confundirnos os uns aos outros agora temos que engadirlle as estratexias dos axentes da intelixencia artificial, que cun comando ridículo lanzado por calquera persoa en calquera momento poden levarnos a cuestionar absolutamente todo o que vemos, sentimos e lemos. Por non imaxinar que pasaría se eses mesmos axentes da IA confabularan entre eles, sen humanos de por medio, para, eu que sei, acabar coa democracia (aínda que, por desgraza, iso xa o estamos a facer bastante ben nós sós).
Estes días os medios estadounidenses falan abertamente dun posible escenario para as eleccións de medio mandato que se celebrarán nun par de semanas: que Trump decida cuestionar os resultados segundo lle conveña. Leva tanto tempo investido en dicir que, por exemplo, o voto por correo é un fraude, que quizais esa sexa unha das súas bazas nunhas eleccións que se lle presentan complicadas. É dicir, en canto pasen, teremos que esforzarnos por entender cal de todas as verdades que nos amosarán será a menos mentira de todas, e logo loitar por ela. E aínda que as eleccións de novembro nos EE.UU. son diferentes ás de España (pois unhas son coma un referendo e as outras son para decidir), ás veces é como se traduciran os escenarios literalmente. Escoitamos xa as mesmas cousas, as mesmas mentiras disfrazadas de verdades, con outro idioma pero co mesmo obxectivo... manipular, terxiversar, o que sexa para, por encima de todo, poder chegar a mandar.