Velaí unha nova oportunidade para a esquerda logo da «petada» da portavoz do PP, que non creo que actuase por libre nin que fose unha metida de zoca que demostraría por si soa falta de preparación, algo que obrigaría a examinar que coñecementos e criterios se lle esixen a quen ocupa un posto de tanta responsabilidade. Estrañaríame moito que esta consigna non se memorizase nun despacho. E sospeito que entraron no debate para lle disputar a iniciativa a Vox, que xa puxo ás claras a introdución necesaria dun modelo mixto que desacredita o sistema público. O que non comprenderon no despacho do PP é que botar man dunha frase tan contundente podía estouparlles na propia cara. É o que ten memorizar consignas se non te sabes anticipar ás preguntas que virán e non es quen de explicar unha reforma tan importante coma a das pensións. Construír a realidade a base de titulares trae perigos evidentes e, talvez por iso, xa están a recoller velas no partido, porque esa linguaxe apocalíptica produce desacougo, e o desacougo, en campaña, sempre atopa un administrador. E, desta volta, a esquerda aproveitará e presentará esta ambigüidade coma sinal de futuros recortes e mirará de converter as pensións na fronte central da campaña. Un agasallo inesperado que, con certeza, tapará eivas propias. Porque resulta doado comunicar o contraste da promesa de protección fronte a esas advertencias da dereita. Está claro que esa mensaxe non resolverá os desafíos do sistema e ninguén verá máis proposta que o medo duns e outros a tocar o tema das pensións, agás Vox. Coido que, despois do acontecido, no despacho do PP non volverán falar de colapso ou petada. Se cadra, só de subidas destas para recuperar o acougo de tantos pensionistas que aceptan o de Ceuta coma unha invasión, que Pedro Sánchez é un corrupto, que a prioridade ten que ser nacional, que a economía vai mal ou que os inquilinos son okupas, pero que nunca aceptarán que lles toquen nin un euro da paga.