As nacións ibéricas xeraron dous grandes estados federais, México e Brasil, hoxe ollados con receos polo monstro norteamericano, e non só por razóns ideolóxicas. Quizais con desdén de europeo, un pasaxeiro aéreo español poida sorprenderse pola marca (Embraer) do avión en que montou; mais fica avisado de que o Brasil, xunto con México, Canadá e os EE.UU, é unha das catro potencias industriais do Novo Mundo.
Andando polo país do samba xa logo se ve a marca Claro Brasil, filial da mexicana América Móvil. Hai doce anos chamábase Embratel, acrónimo de Empresa Brasileira de Telecomunicações. Xa hai cincuenta anos, Embratel era unha referencia no mundo profesional cando mandaban as telecomunicacións por radio: especializárase en dar cobertura a un subcontinente en boa parte selvático; os manuais técnicos da empresa eran de obrigada consulta en Europa. Hoxe a Claro Brasil ten redes de microondas e de fibra óptica, cinco satélites de comunicacións (é membro das organizacións globais Intelsat e Inmarsat) e tres cabos submarinos que unen o Brasil coa Arxentina, o Caribe, Norteamérica, África e Europa. Conta con 35.000 empregados e no seu historial de mando aparece o enxeñeiro José Formoso Martínez, mexicano-brasileiro que soa a O País invisible (cómpre pedir consulta ao Arturo Lezcano).