Boas horas para o teatro galego

SUSANA PÉREZ O CARBALLIÑO

OURENSE

Orballo afronta a recta final do festival e o Concello prepárase para o primeiro certame de animación na rúa O Festival de Teatro Galego afronta xa a recta final dunha exitosa semana, na que os carballiñeses puideron disfrutar das mellores montaxes da escea galega do último ano. Este será, sen embargo, un punto e seguido para os espectadores da vila, posto que o vindeiro luns iniciarase o Festival de Rúa e Animación, organizado polo Concello de O Carballiño.

08 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Mentres tanto, a asociación cultural Orballo, preparou para esta fin de semana unha despedida por todo o alto. O grupo Manivela & Galería presenta hoxe sábado Compañía, unha montaxe na que Ernesto Chao, Mabel Rivera e Rosa Álvarez representan a «historia dun matrimonio de clase media, marcado polo monotonía». O domingo, Teatro do Morcego pechará a decimoquinta edición do festival organizado por Orballo con Morte accidental dun anarquista, baseada nunha obra de Dario Fo. Outro certame, neste caso o de animación na rúa, promovido polo Concello de O Carballiño, presentou onte os dípticos que se repartirán entre tódolos establecementos hosteleiros da vila. O responsable de Educación e Cultura, Francisco Rodríguez, afirmou que este certame «nace con vocación de continuidade, por iso lle poñemos primera edición» e desexou que «o festival sexa do agrado de tódolos carballiñeses». As compañías Falcatrúa, Alkimia 130 e Samarkanda protagonizarán a primera edición deste certame de rúa, que se celebrará entre os días 11 e 13 de setembro.