Xosé Carlos Caneiro, escritor A Casa de Cultura de Verín acolle este serán, ás 8, a presentación do último libro de Xosé Carlos Caneiro. Una obra que xa conseguiu suscitar unha expectación e un interés fóra do normal antes de entrar no prelo, ó ter conseguido con escasas horas de diferencia os premios Blanco Amor e Eixo Atlántico. Para Xosé Carlos Caneiro presentar «Ébora» en Verín é un acto emotivo «xa que levo dez anos sen presentar un libro na miña vila».
11 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Na presentación de Ébora o escritor estará acompañado polo alcalde da vila e por Ramón Nicolás, crítico e estudioso da súa obra literaria. -¿Con que se vai atopar o lector que se achegue ó seu novo traballo? -Ébora pecha o ciclo iniciado con O infortunio da soidade, pero a diferencia das catro novelas anteriores esta é moito máis narrativa, divertida e estimulante para os lectores. -Vostede tense definido como un escritor para «unha selecta minoría» ¿mudaron os tempos? -Esa foi unha etiqueta fabricada pola crítica, baseándose en que gañaba os premios máis prestixiosos do pais pero que os meus libros non chegaban ó gran público. Nada deso me perxudicou, e seguín a facer o meu traballo sendo consciente de que as cousas non podían ir a peor e só cabía mellorar. Na actualidade cada día hai unha maior demanda e véndense máis as miñas obras, o que supón un interés por parte dos lectores galegos. -¿Segue a ter o síndrome de autor da periferia? -Son un escritor periférico, pero eso faime tamén máis libre. Sufro as inconveniencias da periferia -vivo lonxe dos circuitos e das capillas culturais do pais e non teño amistades influintes no mundo da cultura e da política- pero, pola contra, podo escribir con total independencia e liberdade. Paga a pena porque o único obxectivo para un escritor é contribuir a mellorar a vida dos demáis co seu traballo. -Pero en Galicia segue sendo un ben escaso o lector. -O oficio de escritor é escribir e facelo da mellor maneira posible. Non é a súa responsabilidade incentivar á lectura, aínda que hai institucións, autoridades e outros organismos que deben asumir ese reto. -Recentemente criticaba «fenómenos» como Ana Rosa Quintana e outras «pseudoliteraturas» -O que me molesta é a existencia destes personaxes do chamado negocio da literatura, que non son a literatura en sí. O tempo xoga a favor dos que construimos unha obra artística e póra no seu lugar á literatura da fugacidade e a publicidade.