Superada a xornada inaugural a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia afronta un día, o de hoxe, marcado polas estreas e polas montaxes de referencia en canto á animación na rúa. «Teatrobús» para nenos O programa de hoxe comezará ás 20.00 horas coa presencia do espectáculo «Sinsentidos», que se estrea en Galicia. A montaxe do grupo Rayuela, de Valladolid, é unha oferta para rapaces de 4 a 10 anos que non deixa, para nada, indiferentes. Este «teatrobús» que chega hoxe a Ribadavia é pura maxia: os rapaces acceden ó interior do autobús e dentro do mesmo desenvólvese un espectáculo donde a maxia e a animación para os máis pequenos son as verdadeiras protagonistas». Tamén poderán disfrutar os que se acheguen hoxe a Ribadavia dunha estrea absoluta. Os galegos de Eme, 2 estrearán na Igrexa da Madalena, a partir das 21.00 horas, a súa montaxe «Malicia», unha historia sobre as relacións humanas protagonizada por dúas irmáns. Pola noite os mallorquíns de Res de Res & en Blanc estrearán en Galicia «Icars», a partir das 23.00 horas no Castelo de Ribadavia.