Perfil | Ramón Gómez Crespo O director de Proxecto Home, sen deixar de recoñecer o determinante papel da Igrexa católica na posta en marcha da iniciativa, resalta o carácter aconfesional dos programas
20 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Ramón Gómez, nunha espesa conversa de duas horas con sete xornalistas, na que sobre todo se falou de toxicomanías e de Proxecto Home, e moi pouco de si mesmo, alude á Igrexa só de pasada. Non é un vulgar vendedor. A parte dun puntual e tal vez mecánico a Dios gracias, faino cando xa a charla vai pola primeira hora, un tempo que él xa enchera con longas respostas. Firme. Non deixa nada sen contestar. E cando máis tarde, interpelado directamente, se lle pregunta polo papel da Igrexa nos programas do Proxecto Home, fala coa mesma rotundidade coa que expresa todas as súas opinións. «A Igrexa non está para nada. Proxecto Home é aconfesional. E cando o enfermo se rehabilite, que decida. Só entón. Xa o poderá facer libremente». Os bispos de Galicia foron no seu momento os animadores do proxecto. Era o ano 1986: «Había un gran fracaso asistencial. Existía unha preocupación na sociedade pola falla de medios e de alternativas para que os toxicómanos, entón falabamos fundamentalmente de drogadictos, poidesen abandonar a droga. Aquela mesma preocupación tiverona os bispos. Chamáronme. Fun a Roma. Viñen e puxemos en marcha o proxecto. A aportación da Igrexa foi fundamental, pero o noso programa é aconfesional, como é apolítico». Ramón é, sobre todo, un xestor. Ben alonxado do perfil do cura coñazo que sempre anda a dar a murga. Nin de negro viste. Adica, segundo dí, as tres cuartas partes do seu tempo á procura de fondos, de financiación para o proxecto. É a súa vida. Sempre está. Sempre da a cara, aída que, matiza, non ten sensación de apostolado. «Somos necesarios mentres haxa demanda. E cando non sexa así, seguro que non teño inconvinte algún en deixalo».