Lagoa de beleza na Limia

DELFÍN CASEIRO

OURENSE

TEMAS DO PAÍS | O |

07 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

ESTA É a crónica dunha tarde de cultura e sentimentos, propiciada polo Centro de Cultura Popular do Limia que agranda a súa presenza na capital con unha nova convocatoria. Asociación modélica, artífice da fecunda publicación Lethes, coa dirección do excepcional Xosé Badás, deseño de Xosé Manoel González e asesoramento lingüístico de Xosé Antón Corderí, Dorinda Penín e Asunción Caneda, que naceu da «...necesidade de preservar e divulgar unha serie de valores propios, ben sexan paisaxísticos, etnográficos, etc...», que, desde hai catro anos, alaga de saber e orgullo o país do manso río do esquecemento. O pasado primeiro de novembro, a súa chamada ateigou de veciños e amigos o salón de actos da casa de cultura de Xinzo, alí congregados para asistirmos á presentación dun espléndido cartafol artístico, feito de beleza plástica e verbal: Lagoas laiando na lama das leiras, título cedido polo escritor Vítor Vaqueiro. A magnífica carpeta, que quere ser unha homenaxe estética á terra de auga e á súa xente, reúne fermosas creacións literarias da autoría de Riveiro Coello, Chus Pato, Salinas Portugal, Emilio Araúxo, Bernardino Graña e Antón Tovar, e magníficos gravados realizados por Virxilio, Manolo Figueiras, César Taboada, Miguel Carballo e María Ruído, con deseño gráfico de Xosé Manoel González e a inclusión da versión visual do poema de Uxío Novoneyra O Moucho da alameda, obra da artista rusa Rea Nikonova. Os infatigábeis Manuel Seoane e Xosé Badás encargáronse, máis unha vez, co mesmo acerto e entusiasmo, da coordenación e xestión de tan brillante proxecto. Non faltou a valiosa aportación, sempre impagábel, de Xosé Antón Corderí, Manuel Vecoña, Xosé Manuel Pérez, Tomás García e Ana Villarquide. O acto resultou fascinante, exquisito galano para o espírito. Ronsel tecido con voces e luces que ten de permanecer na memoria das emocións. O grupo musical Kérkennai -resonancias castrexas- puxo a animación musical ao abrir e cerrar o evento con deliciosas melodías do seu disco Vía nova, con intenso sabor a tradición. A marabillosa voz de Natalia, acompañada polo escritor Riveiro Coello -guitarra e voz- deitou novas ondas de feitizo e emoción. As elocuentes palabras de Manuel Seoane, Manolo Figueiras e Riveiro Coello descifraron de maneira amena o significado da feliz iniciativa. O artista Miguel Carballo sementou de entretidas anécdotas persoais a súa espontánea intervención. O sentimento vivo e transparente moveu o corazón e os beizos dos poetas Bernardino Graña, Chus Pato e Salinas Portugal ao recitaren as súas propias composicións. A lectura de textos de Vicente Risco, Lamas Carvajal, Otero Pedrayo e Antón Tovar enseñorou a imaxe emocional da estensa terra enchoupada. A Limia pode sentirse orgullosa de fillos tan xenerosos, que non cesan no seu extraordinario empeño por reforzar os lazos de fiel identidade. Entre os ecos do monótono repenicar das porfiosas ras, acouga a morriña dos enormes e serenos bois pretos co seu paciente andar. Na noite pecha, houbo estremecementos da vella lagoa soterrada; cantos de galo e ouleos de lobo chegaron na brisa lene que agarima camiñantes e carreiras, casas e leiras.