O cronómetro | Mercedes García Penela
19 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.É auxiliar de enfermería e presidenta, dende o pasado novembro, da asociación contra a loita das enfermidades renais (Alcer). -¿Como se chega a unha responsabilidade así? -Fai un ano, cando me descubriron un problema renal, púxenme en contacto coa asociación e empecei a colaborar con eles. Despois, como a presidenta deixaba o seu cargo, animeime eu.É un traballo moi gratificante e animo á xente nova e a todo o mundo a colaborar como voluntario porque che axuda a elevar a autoestima e che fai esquecer os teus problemas». -Vostede aporta, ademais, experiencia profesional na especialidade. -Tiven a oportunidade de traballar tres meses en nefroloxía, apetecíame moito persoalmente para coñecer os tratamentos e as persoas; a nivel persoal necesitábao porque, canto máis estivera en contacto coa enfermidade, máis podía aportar á asociación. En febreiro xa me vou a outro departamento. -Empezar unha tarefa implica sempre algún obxectivo. ¿Cal é o seu? -Sobre todo, fomentar a prevención, dar información sobre os factores de risco que te poden levar a unha insuficiencia renal. Todos temos oído falar diso pero non somos conscientes de que a hipertensión, a diabete e o sobrepeso te poden levar a unha insuficiencia renal. Eu, como estou no outro lado, estou moi interesada en fomentar a prevención. -¿Como se vai facer? -A través de conferencias e dun proxecto coa Sociedad Española de Medicina Rural y Generalista, dirixido a médicos de Primaria. Aquí é onde se deberían tratar estes temas de prevención e dar toda a información.