Un mar sen norte

OURENSE

DIARIO DE AURIA | O |

27 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

TEÑO a alma en estado glacial, como se o inverno dinamitase as ansias, os dedos que escriben, os bicos perdidos nas paredes onde Mariano (nuestro Mariano, dice Fraga) e Joseluis ZP compiten proclamando a súa benevolencia, entusiasmo e entrega á causa de España. No café unha dama lúcida comenta que debo escribir do temporal e das eleccións e un, que sempre obedece ás damas lúcidas, golpea as teclas con verdor clorofílico, encaracolado no magma telúrico dos votos. Qué coña marinera, qué indefinición, qué obstáculo á intelixencia: os comicios electorais, o mitineo, a trifulca. Eu pido ser Federico Trillo. E reclamo, baixo ameaza de folga, que veña tan magno personaxe a esta provincia senescente, oblicua como unha lúa pirata, un mar sen norte, unha chuvia sen ti. Teño a alma en estado glacial. Sucede cando nas rúas aparecen os próceres da patria. A democracia está incendiada: por Aznar, por Rovira, por Urdaci e os que se parecen a Urdaci, polas armas de desaparición masiva. Fóra, como unha pregaria, a neve cae sobre Auria. Só me salva un verso de Salinas: me gusta la nieve, nos junta a los dos. El resto es silencio. Silencio, corazón... Silencio.