Agardando a chegada do maio

J. M. García OURENSE

OURENSE

SANTI M. MIL

O Concello, Caixanova e a Universidade celebraron un foro para darlle pulo á tradición As primeiras coplas escritas que se conservan en Ourense datan do ano 1917

27 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

Á volta da esquina están os maios chamando á porta. Con este gallo onte celebrouse en Ourense o Foro dos Maios, unha iniciativa do Concello que contou coa colaboración de Caixanova e da Universidade de Vigo. Unha tradición tan galega e sobre todo tan forte en Ourense non podía quedar sen tratar. E así onte poidemos coñecer como é esta festa en Galicia ou como se está a revitalizar en Vilafranca do Bierzo. A festa dos Maios ten o seu cumio no día 3 de maio. A súa tradición pérdese na sombra dos séculos pois xa se celebraban estas festas na antiguedade ata o século VI, cando San Martiño de Braga e a Igrexa condenan algúns deste cultos por declaralos contrarios ó cristianismo. Clodio González Pérez foi dando pinceladas sobre como vían os maios persoeiros ilustres da cultura galega, dende Vicente Risco ata Xocas. Brindou datos de como Xaquín Lorenzo criticaba o feito de que as carrozas estaban mal feitas ou como Risco no 1962 falaba do emprego de tea de saco para enganchar o musgo como algo moderno e non apegado á tradición. Clodio falou dabondo do propio maio e da costume de que un neno se meta nel para comezar o recitado das coplas, facendo de coro os demáis que dan voltas arredor do elemento enxebre agarrados da man. A mellor colección que en Galicia hai sobre coplas desta festa gárdase na Biblioteca da Deputación de Ourense, e pertenceron a Ben Cho Shey, que viña dende Madrid a onde fora necesario para recoller os textos deses cantares. Dixo o poñente que en Ourense e Pontevedra a temática da copla era satírica, non así no resto de Galicia. Aquí, dende o século XIX as composicións servían para facer crítica social, de costumes, das modas, algo moi ben visto polos inmovilistas da época. Suliñou que a primeira serie de estrofas impresa en Ourense data do 1917 e dende aquela xa se foron imprimindo. No 1929 había na cidade 14 maios a concurso e na Segunda República facíanse loubanzas a ilustres republicanos. No 1936 nesas coplas se pedía o autogoverno de Galicia e, segundo Clodio González, nos anos 1937 e 1938 non houbo maios en Ourense por primeira e única vez. Sube Franco ó poder e comezan os versos en plenos anos da fame a criticar non ó dictador senón ós comerciantes e vendedores en xeral ós que se culpaba do racionamento. Nesa época non houbo concursos pero os maios saían igual, estaban vivos. Nos sesenta, suliñou Clodio, apareceron en Ourense as colpas asinadas, «cousa rara», dixo. A marcha de Quiroga Palacios para Mondoñedo como bispo, a morte de Carrero Blanco, a Xunta... Todos eran temas válidos para criticar. Ata hai quenes foron á cadea no 1981, membros da ANPG por coplas demoledoras. Ao final, o maios acababan na auga do río.