Recordos de Lansbricae

La Voz J.M.G. | OURENSE

OURENSE

SANTI M. AMIL

Xaquín Lorenzo sucedeu a Cuevillas nunha nova etapa de escavacións para coñecer San Cibrán de Lás Xocas sentíase integrado na alma do castro ao beber da súa fonte descuberta

22 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Se ben foi Florentino Cuevillas quen no 1922 comezou a escavar o castro de San Cibrán de Lás, a medida que ían saíndo construcións de grupos de casas e o impoñente sistema defensivo, houbo que continuar cos traballos incorporándose Xaquín Lorenzo como director. Era o ano 1947 e foron aparecendo tres recintos amurallados separados por fosos sendo máis coidada a muralla externa, de gran altura e notable espesor. A muralla da acrópole tamén estaba ben construída abríndose nela dúas portas no eixo Este-Oeste. A entrada Oeste ten dous cubos con outros tantos corpos de garda con asentos corridos para varias persoas. A porta este ten tamén cubos situados máis ao interior. «Do traballo de Xocas queda a pegada de dous aspectos singulares, as dúas portas e o conxunto da fonte alxibe porque se Cuevillas fixo prospeccións nos anos vinte Xaquín foi quen acabou de rematar a súa limpeza que nós volvamos facer no 1982», comenta o arqueólogo Francisco Fariña. Recorda a anécdota de cando unha vez limpa a fonte e cunha cunca cerámica aparecida, Xaquín Lorenzo bebeu con ela daquela auga sentíndose cheo de practicar aquel rito que ducias de séculos antes fixeran os moradores do sitio. Isto revela, di Fariña, a sintonía de Xocas co mundo galego. A Xocas colleulle o relevo o Museo Arqueolóxico de Ourense e agora a Xunta. Estas dúas etapas recentes son, a xuízo de Fariña Busto, «a mellor mostra do esforzo que don Xaquín fixo e que nos deixou unha testemuña que aínda é para nós exemplo de coñecemento e de descuberta e suxerencia para coñecemento dun mundo que xa pasou». Xocas traballou en colaboración con Chamoso Lamas, o encargado de publicar aqueles traballos. No Arqueolóxico ourensán consérvanse os documentos, planos, triangulacións, peches de muralla e a definición da muralla e porta do Oeste que segue a ser un dos puntos paisaxísticos máis engaiolantes de todo o xacemento. Hoxe San Cibrán segue sendo un lugar encantado, impresionante, ben representativo das fortificacións castrexas. Ten casas de planta circular e rectangular, sobresaíndo as últimas. A súa variedade denota a súa avanzada época que é coetánea á romanización, segundo os veteranos escavadores. Hoxe Luis Francisco López é un dos arqueólogos que traballan no castro: «Atopámonos nunha fase avanzada para a posta en valor do xacemento. Estabilizamos os restos escavados por Cuevillas, por Bieito, por Xocas, etcétera, e investigar outros sectores novos que acheguen unha visita máis dinámica, unha posta en valor, acercar estas terras ao público. Tratamos de facer un circuíto no que a xente poida comprobar a dimensión do sitio». Agora andan coa terceira campaña, resta unha máis. A actual durará ata outubro. Cando se inaugure o centro de interpretación achegaranse os datos extraídos destas investigacións. Na parte que dá a Punxín hai unha zona de hábitat entre as murallas. Están escavando nunha esquina que semella, segundo López, ter máis potencia. Xa están aparecendo as diferentes dependencias das casas castrexas desta área. A ocupación do xacemento suponse que abranguería dende o século I antes de Cristo ata o século II da nosa era. Suponse que houbo unha ocupación marxinal na coroa aló pola cuarta centuria da nosa era. Quen visite San Cibrán non quedará indiferente.