Un proxecto con futuro

| FRANCISCO CASTRO ALVAREDO|

OURENSE

OPINIÓN

30 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

BENPOSTA é unha obra galega, merece o recoñecemento da sociedade galega e correspóndelle á Xunta asumir a defensa e procurar a supervivencia dun proxecto sociopedagóxico de referencia universal. Abriu un espacio de utopía onde os parámetros sociais e políticos foron e son outros, por onde pasaron miles e miles de nenos. A crise que sofre Benposta non é de proxecto, que, coas puntuais rectificacións e, sobre todo, coas imprescindibles dotacións de recursos para conseguir unhas condicións de habitabilidade dignas, ten vixencia. É unha crise provocada pola decisión do P. Silva de pechar o centro de Ourense e pola metodoloxía que está empregando: Abandono, dilapidación de recursos, peche, persecución, vexacións e ameazas aos residentes, acoso aos traballadores, demonización dun colectivo de profesores extraordinariamente formado e que manteñen admirablemente un espacio de atención aos nenos e nenas. O P. Silva, desde a patrimonialización absoluta de todo o material e o inmaterial de Benposta, fai imposible calquera saída dialogada ao problema. O Colectivo de cidadáns e as cidadás de Benposta, do que forman parte os profesores, os residentes alumnos maiores de idade e moitos que nos sentimos cidadáns de Benposta aínda que hoxe esteamos vivindo fóra, sentímonos protagonistas do proxecto socioeducativo e testemuñas vivas do seu funcionamento; non reclamamos a propiedade, afirmamos que o patrimonio tanto material como inmaterial é común. Temos a vontade e o dereito de entrar e democratizar a Asociación Ciudad de los Múchachos, garantir que ninguén se poida apropiar nunca deste patrimonio que ten que ser de todos os cidadáns e cidadás que a necesiten, os do presente e os do futuro. Utilización política Hai catro anos, co conflicto polos terreos Benposta foi noticia e utilizada como arma política, a oposición implicouse fronte ao que era unha apropiación ilexítima por parte da Xunta faltando ao compromiso dun contrato que implicaba directamente a viabilidade económica do proxecto, con isto mesturouse a actuación da Consellería de Familia e unhas denuncias que, no momento e no contexto, non era posible separar. Hoxe sabemos que as demandas tiñan certa base, que entre a disputa dos terreos e as actuacións de Familia non tivo por que haber conexión e que determinadas persoas foron inxustamente tratadas. Polo que a min me toca, pídolles desculpas moi sinceramente porque, hoxe, sei que actuaron con honestidade e que polas mesmas razóns que daquela denunciaron hoxe estaría a favor nosa. Na confusión e na disputa, vimos como se esfumaban as posibilidades de rexenerar e viabilizar un proxecto que era unha interposición para moitos intereses. Hoxe existe un equipo con experiencia, capacidade e compromiso para relanzar o proxecto, só se necesitaba un apoio que o colectivo demandou das institucións e que, de momento, non tivo. Moi ao contrario, coa decisión do fiscal e a intervención de Familia cumpriuse o obxectivo de Silva de desfacerse dos nenos e nenas. Creo que se resolve desde o despacho, sen ter en conta a realidade, sen pensar no proxecto como patrimonio cidadán nin, por suposto, nos residentes que con quén mellor están é cos profesores e profesoras que levan manténdoos e protexéndoos moito tempo, sen as institucións interviren. A Directora Xeral díxonos que, se había un proxecto, aqueles que se marcharan de Benposta para outros centros de acollida volverían. O proxecto haino, será presentado e estará aberto a calquera inspección, so queda esperar que os nenos e as nenas volvan e as institucións interveñan para aportar recursos.