DIARIO DE AURIA | O |
10 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.ACOSTUMABAN a ser as campañas do PP moi superiores ás dos seus opoñentes: en medios, pero tamén en mensaxes eficaces e resolutivas. Ata este 2005. Ignoro quen asesora aos populares. Ignoro quen está detrás das cruces espalladas por toda Galiza como un signo sumatorio: ¿saben os promotores da campaña que é o subconsciente, o subliminal, o non razoado? Ignoro qué pintan Carod Rovira e Otegi nas consignas populares. Ignoro quen trouxo a Acebes: ¿ninguén do Partido Popular sabe que este home quita votos cada vez que abre a boca? Ignoro por que as descalificacións do contrarios, as vulgaridades (asqueroso, foi o adxectivo empregado por Fraga cando falou das vodas homosexuais). Ignoro quen alecciona á candidata do meu virrei en Ourense, que máis parece unha boneca de porcelana que unha política disposta a convencer, agradar, conquistar votos (a Quintana chámalle «follonero»¿ e igual hai alguén que lle ri a ocurrencia). Quero imaxinar que o Partido do virrei ten preparada unha segunda semana de campaña con outra consigna: falar do positivo, do construído, e dos proxectos futuros. E quero imaxinar que non apelarán máis ao voto do medo. Porque esta democracia non o precisa. E Ourense, que sempre votou Pepé, tampouco.