DIARIO DE AURIA | O |
18 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.DOMINGO. As columnas de domingo deben ser coidadosas, mimosas, besuconas. Digo que un escribe esta columna pensando na sesión vermú, nos exames que torturan a vida universitaria, nos traxes de domingo en misa de doce. Este domingo, en Auria, é de Corpus. Medio resacoso, medio electoral. Un mira as cañas de cervexa, nas terrazas, e pensa que son luminarias de ouro e espuma. Os domingos é preciso escribir loas ás cañas. As cañas e o domingo alegran a triste vida provinciana que levamos. Pero aínda nos alegra máis o Moncho de Molgas. Borrajo, Ramón, é tan grande que parece pequeno cando o miras nun escenario. Eu lembro os seus pases en Cleofás, en Madrid, e síntome orgulloso de ser o seu paisano. Borrajo é puro enxeño, dinamita intelectual, gracia de Miño e Burgas, torrencial e xeneroso. Borrajo é ideas, liberdade, iconoclastia, ironía. Borrajo é un libertino co que me gustaría tomar copas mirando os ollos dos gatos. De noite. Escoitando a súa voz de neno grande metido a cómico nun país cómico, de risa. Os tipos como Borrajo fan inmensos a todos os ourensáns. Son o producto interior bruto que nos aumenta, que nos enriquece. Amo a este Gulliver sen ananos, este gato con botas de licorcafé. Un domingo calquera, Moncho.