ANACOS | O |

25 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

OS rexistros son unha enfermidade entre uns seres de dúas patas, mamíferos, que acostuman a chamarse «humanos». E, daquela, hai algúns que saen nos medios de comunicación por coleccionar «oitomiles» -que son uns montes que disque teñen máis de 8.000 metros de alto-, por coleccionar bancos -e entón chámanlles «tiburóns» das finanzas-, por coleccionar votos -os que arrapañan máis dinlles caciques- ou por calquera outra sorte de agrupación de materiais, cousas ou intanxibles. Tamén hai unha sorte de bechos raros que coleccionan, ás veces coido que sen sabelo, MIT. Son os que, ano tras ano, acoden en peregrinación á Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia para disfrutar do mellor teatro e de tódalas actividades culturais a el vecenlladas -que no Ribeiro van dos excelentes viños ás tertulias nocturnas, pasando pola ocasión de descobrir sempre anacos imposibles no barrio xudeo-. Algúns atesouran MIT antes de que a Mostra existise, porque o seu nome non era tal, e son os alicerces dunha das mellores ofertas culturais da Galicia actual e, agardémolo, da futura.