DIARIO DE AURIA | O |
18 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.CHÁMANLLE domingo corredoiro. Para min foi sempre o domingo que anunciaba carnaval. Ou sexa, que levo días durmindo pouco e mal, que me come por dentro un desasosego, que non paro, que estou cos meus, cos de sempre, eses que acarician e recordan que a vida non vale nada: vale a camaradería, o amor, as luces que abrazan e permanecen. Estou medio zombi escribindo esta columna. Porque o carnaval importa. Digo que hai lugares en que o entroido é cousa espiritual: grande. Verín, por exemplo. Este ano vén o corredoiro con chuvia e frío. A Verín o frío, e a impotencia, chegou antes: o xoves de compadres. Alguén ten que arranxar o asunto dos compadres: converteuse nunha reunión salvaxe, nun Far West no que todo parece estar permitido. Petardos que son bombas e mulleres, asustadas, que non se atreven a saír da casa. Iso é o que temos. E convén que Verín reflexione en torno á súa marca de identidade: o entroido. E saber disfrutala, e vendela. Propoño ideas: a creación dun patronato do entroido que se encargue de poñer en valor a festa. Así ha de cambiarse o xoves de compadres, tan lastimoso. Así crearemos márquetin e mercado e prestixio para un acontecemento que podería ser como o san Fermín e, logo dos compadres, parece un festorrio barriobajero. Repito que podía ser tan grande como o san Fermín, e prestixiar a provincia, porque Verín ten o que falta noutras latitudes: alma de carnaval. Menos mal que pasou o peor. O próximo xoves as comadres darán unha lección de gozo. Verín, e Ourense, presumirá dunha festa que o engrandece. Non quero máis xoves de compadres como o precedente. Nin que no país se fale da miña tribo con desidia. Porque non hai un carnaval máis grande có da miña terra. E porque este que escribe presume (e así será mentres viva) de ser quen é, de onde é¿ de Verín de Verín, carretera de Chaves.