DIARIO DE AURIA | O |
04 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.ESTA provincia vive en coresma perpetua. Non nos afecta, pois, este tempo coresmal que vivimos nestes días de marzo. Coresma industrial, poboacional, política. Nos plenos os concelleiros beben auga e debían beber viño: para colocarse. Esta provincia se a miras con ollos «colocados» parece máis amable e fundamental. Lembro as noites da movida madrileña, cando Tierno Galván nos obrigaba a «colocarnos» con imaxinación, candor, suor e sen lágrimas. Vivíamos no Rockola horas de paxaros na cabeza, como unha canción prohibida. Nunca nos gustou Almodóvar, nin Alaska. Éramos de Rosendo e Leño, de Ñu e Cucharada. Un 124 a toda pastilla pola autovía que non existía, cinco horas e media a Madrid. Venres de madrugada. Espertábamos en medio duns labios con sabor a chocolate. Despois, nas paredes, pintábamos palabras que pedían flores no asfalto, e praias, e ollos color esperanza. Esta provincia ten que «colocarse». Olvidar a gripe aviar e facerlle máis gasto a Coren, porque o merecen. Izar as bandeiras da alegría en medio da Coresma perpetua: din que o AVE non pasará por Verín: en Verín nunca pasa nada. E din que nunha cabana de Allariz naceron cento cincuenta cabritos nesta semana. A ver se Paco, o alcalde listo e honesto de Allariz, sabe explotar convenientemente o asunto. Allariz, vila fértil ademais de fermosa e amable (e amada). Non faltarán bromas: cento cincuenta cabritos nunha semana en Auria. Entre cabritos e derivados estamos en overbooking permanente. Pero non vou ao chiste fácil. Elegancia, presumimos dela. E distancia. Sen perdérmonos na néboa da nostalxia. Aqueles tempos de 124 a toda pastilla. Destino Madrid la nuit, medio Carabanchel e medio Vallecas. Daquela, prometo, era fácil ser feliz. O mundo, non o vas crer, parecía unha rosa con pétalos doces e suaves e lindos. Con labios de chocolate, corazón. De chocolate.