ANACOS | O |
10 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.UNHA das reivindicacións históricas máis socorridas neste anaco da península e nomeadamente da provincia de Ourense é a referida ás comunicacións e, de xeito especial, ó tren. Calquera que bote unha ollada ás hemerotecas e os xornais de finais do século XIX e primeira metade do XX atoparase con centos de reseñas, informacións, manifestos, visitas, xuntanzas e outros acontecementos vencellados co proxecto do ferrocarril a Galicia. E cando falamos da comunidade estamos a referirnos de forma singular a Ourense por ser punto de entrada para as liñas que van cara a Vigo e Compostela. Unha parte do que foi este proxecto tan demandado como longamente agardado, a faceta máis sensible e tamén a máis tráxica, aparece recollida nun traballo singular que ten acadado o recoñecemento unánime: «Carrilanos», de Rafael Cid. Algúns ata teñen alcumado a peripecia destes traballadores do camiño de ferro como o particular oeste galego. Agora, por desgracia para nós que imos seguir unhas cantas décadas máis reclamando un tren como o que xa disfrutan en Ciudad Real, Puertollano, Calatayud, Guadalajara, Zaragoza, Lleida, Córdoba e non seu cantas cidades máis. O Ministerio de Fomento seica non contempla unha entrada do AVE en Galicia nas condicións que todos agardaban e terá unha vía única. Iso si, para que nos consolemos seica Fomento cavila niso como unha solución transitoria: primeiro imos ter un AVE de vía única e cando estea en funcionamento comezarán as obras da nova plataforma para dotarnos dunha segunda vía. Co cal, como pouco, imos contar cun AVE como o que disfrutan hoxe moitos usuarios de Renfe alá polo ano 2020, con sorte. Se isto non cambia na Historia de Galicia terá que haber un capítulo salientable, ata como materia escolar, cun epígrafe tal que «As mil e unha historias do tren a Galicia».