DIARIO DE AURIA | O |

13 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

SON MOITOS nesta provincia. Afectados. E todos senten impotencia e rabia. En primeiro lugar porque a operación policial/xudicial no asunto de Fórum Filatélico e Afinsa resultou desproporcionada e o que debía rebosar serenidade, prudencia e discreción acabou converténdose en pánico. En segundo lugar porque o Estado, como sucede tanas veces, deixou desprotexidos aos cidadáns. Fundamentalmente porque a ninguén pode entrarlle na cabeza que dúas empresas funcionen durante máis de vintecinco anos de modo fraudulento. E porque todo parece xulgado antes do xuízo. E porque cada día sorpréndenos o gurú de turno contando últimas noticias. Teño falado en ocasións do carácter secundario desta provinca. Talvez deba rectificar. Secundario é o Estado e nós somos simple reflexo da realidade. Somos de segunda porque España é un país de segunda no que suceden cousas como esta. Agora toca escoitar. Primeiro os vaticinios dos iluminados que xa ousan afirmar cándo e cánto e cómo van cobrar os afectados. Despois, aqueles que ousan mofarse da sorte das víctimas que elixiron un lugar para meter o seus aforros: que ofrecía todas as garantías, auditado anualmente polo Estado e baixo presumible vixilancia do Ministerio de Sanidade e Consumo. Escoitaremos a diario, ata que todo se olvide, as declaracións dos políticos. E ao goberno, que é unha concreción da existencia dos políticos en estado puro: ordeno e mando. Aos políticos, tamén aos provinciais, quero facerlles chegar a indefensión que sente unha parte desta provincia. Os do Pesoe dirán que tiveron a valentía de destapar isto (isto empezou en 1979, antes de que gobernase Felipe). Os do Pepé culparán aos do Pesoe. E vostede mais eu, cidadáns humildes, quedaremos con cara de tontos preguntándonos para qué os pagamos... e votamos. Porque hoxe tocou aos filatélicos e mañá, talvez, será vostede. Vostede, amigo... o afectado.