![](https://img.lavdg.com/sc/lhP1XnEUZrFaduS4nmNfHvqJbzA=/480x/2006/05/24/0012_1891924/Foto/o25c12f2.jpg)
Entrevista | Julio Pérez Veiga DIRECTOR DE EDICIÓN DE «AUREANA» UNHA NOVA REVISTA VALDEORRESA
24 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.?ace unha nova revista cultural en Valdeorras. Trátase de Aureana, que é froito da iniciativa dun grupo de persoas vencelladas á ensinanza que formaron a asociación Ruina Montium. A presentación do primeiro número terá lugar o sábado ás 19.00 horas no salón de actos do Centro Comarcal, na Casa do Río Cigüeño. -¿Qué obxectivo ten esta publicación? -O obxectivo é difundir o patrimonio material e inmaterial da comarca xa que pensamos que había un oco alí que cubrir. Levamos xa cinco anos coa idea e pensamos que agora era o momento, a pesar dos atrancos económicos que ás veces te atopas. É unha publicación humilde, de 44 páxinas, e pensamos que de periodicidade anual. -¿Qué contidos terá a revista? -Neste primeiro número temos un artigo de cada un dos cinco, máis tres colaboracións, de Avelino García, de Ricardo Gurriarán e de Ángel Fernández. Tratamos temas de historia, xeografía, feitos destacados do pasado como por exemplo sobre a oposición valdeorresa a instalación dunha celulosa, os inicios do colexio Pablo VI, o último cultivo do liño na comarca, as orixes do Barco, unha tradución dun poema de Lauro Olmo, etcétera. -As colaboracións están moi vencellas ó IEV, ¿hai boa relación? -Si, hai relacións de amizade. Temos nexos de unión loxicamente e incluso se falou de pertencer ó IEV, pero non o vimos claro xa que queriamos ser totalmente independentes. Tampouco se fan moitas cousas de cultura na comarca, entón estamos nas mesmas cousas. -¿Está viva a cultura en Valdeorras? -Coido que si. Hai que pensar que en Valdeorras hai moita xente que está de paso. Os mestres e licenciados están de paso e iso nótase. Ademais Valdeorras é un pobo moi traballador e iso fai que ás veces estas cousas queden nun segundo plano.