
A Fundación Vicente Risco e as tres universidades galegas organizan un congreso Mesas redondas, obradoiros, visitas e filmes conformarán catro xornadas científicas
19 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.As tres universidades de Galicia e a Fundación Vicente Risco organizan un simposio de homenaxe á figura de Florentino Cuevillas que terá lugar no Centro Cultural da Deputación do 29 de novembro ao 2 de decembro. O seu título é Estado actual da arqueoloxía no Noroeste Peninsular . Como sinalan tanto a decana de Historia, María Victoria Carballo-Calero como o profesor Xosé María Eguileta, da Fundación, non se trata de voltar ao que fixo Cuevillas na arqueoloxía. Trátase, por unha banda, de aportar interdisciplinariedade e pola outra, ofrecer unha panorámica sobre a investigación arqueolóxica que hoxe estase a facer. «Esta é a mellor homenaxe», indica Eguileta. O 29 de novembro, primeira xornada, estará adicada á arqueoloxía, historia e antropoloxía. Dará a conferencia inaugural o profesor José Carlos Bermejo Barrera, da Universidade compostelá para falar de Nacionalismo, prehistoria e identidade na Europa dos séculos XIX e XX . Logo seguirá unha mesa redonda na que estarán os especialistas Marcos Martinón, do Instituto de Arqueoloxía de Londres; Susana Reboreda, da Universidade de Vigo e José María Cardesín, da Universidade da Coruña. Ese día haberá un obradoiro metodolóxico e a proxeción do filme O Corpo , de Jonas Mccord. «El tesoro» O 30 de novembro, adicado á arqueoloxía pre e protohistórica, a mesa redonda estará composta por Antón Rodríguez, de Santiago; Ladislao Castro, da Universidade de Vigo e Ana María Santos Bettencourt, da Universidade do Minho. Nesa xornada haberá unha visita científica ao Museo Arqueolóxico de Ourense e a proxeción do filme El tesoro , de Delibes, sen esquecer o obradoiro cos especialistas da mesa. A penúltima xornada, adicada á arqueoloxía clásica, contará con José Manuel Caamaño, e Raquel Casal García, ámbolos dous de Santiago e Francisco Fariña Busto, director do Museo Arqueolóxico de Ourense. A visita dese día será ao conxunto arqueolóxico de San Tomé, quedando para o 2 de decembro a visita ao castro de San Cibrán de Lás. Apoian o congreso a Xunta, a Deputación de Ourense e os concellos de Allariz, Ourense e Castro Caldelas. Cómpre salientar que Florentino Cuevillas foi quen descubriu o campamento romano de Aquis Querquennis. En palabras de Xaquín Lorenzo, Cuevillas foi un dos «tres lumiares da nosa cultura» xunto con Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco. «Os tres analizaron os nosos estudos e atoparon que había en Galicia tres ciencias esquecidas que compría vitalizar: a xeografía, a etnografía e a prehistoria. Repartíronse entre iles e Cuevillas adicouse á prehistoria», sinala Xocas en Cuevillas etnógrafo .