ANACOS | O |
05 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.COA data de caducidade das últimas eleccións posta no 27 do vindeiro mes de maio, os partidos políticos andan á caza e captura dos independentes. Por definición estes veñen sendo uns políticos que non concordan co que proclaman as formacións ideolóxicas maioritarias -ás minoritarias, como non gobernan, non as teñen en conta porque non lle acaen aos seus intereses- e crean unha alternativa propia para poñer en práctica o seu proxecto político. Por experiencia pura e dura os independentes son uns políticos moi dependentes que queren ocupar un lugar destacado nunha das formacións maioritarias, mais como non os quixeron ou non lles deron o posto que querían -polo xeral aquel que os lanzase a unha alcaldía- crearon unha candidatura á súa imaxe e semellanza. Se lles sae mal, é decir se non acadan a alcaldía ou son decisivos para o poder municipal, seguen como independentes para poder negociar no futuro á volta ao partido pola porta grande. Pola contra, se lles sae ben están abertos a tódalas posibilidades: gobernar mentras as arcas municipais o permitan, lembrarlle aos antigos camaradas que agora o que manda xa saben quen é se queren algo xa sabedes donde estou, ou fichar polo inimigo, que a fin de contas xa se sabe que PP e PSOE comparten o mesmo esceario: o centro -uns o centro moderado, ou centro dereita, e outros o centro progresista, ou centro esquerda, segundo o interlocutor-. Onte dábase a coñecer a fichaxe do alcalde independente de San Xoán de Río e nas próximas semanas virán outros. PP, PSOE e BNG xa teñen avanzados os seus contactos e só queda atopar a fórmula para salvar os mobles -o rexidor de Río vai amparado polas siglas do PSOE, aínda que de independente para que non se confundan os termos-. O tempo dirá quen asume a independencia como unha opción verdadeira e sen dependencia de ningún tipo.