Val da Rabeda será o modelo da nova planificación do territorio

La Voz

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Vivenda fará un recinto empresarial de 4 millóns de metros en Taboadela, Paderne e Allariz A intervención mestura solo industrial, creación de vivenda e recuperación do patrimonio existente nun proxecto concebido como o nacemento dunha nova cidade

21 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

REDACCIÓN ? provincia de Ourense, de xeito directo a área de influencia da cidade, vaise convertir no referente das actuacións a desenvolver en Galicia nas próximas décadas en materia de intervención no territorio e creación de solo industrial. A Consellería de Vivenda vai desenvolver -xa se están a materializar os diferentes procesos para facer realidade esta iniciativa- nos concellos de Taboadela, Paderne e Allariz un proxecto único ata o de agora no país: a creación dun macroparque empresarial de catro millóns de metros cadrados no que se combinarán áreas de actividade industrial, campus de investigación, zonas de vivenda e esparcimento e grandes espazos para o ocio, ademais de contemplar a recuperación de vivendas e outro tipo de patrimonio existente nos pobos da zona. Para o departamento que dirixe a nacionalista Teresa Táboas o proxecto de Val da Rabeda «representa unha nova forma de deseñar e planificar o territorio para transformalo nun exemplo da Galiza do século XXI, onde se combina a creación de solo empresarial, a creación de vivenda e a preservación das preexistencias mediante actuacións de rehabilitación e conservación». Á hora de artellar este proxecto Vivenda avaliou factores como a chegada do AVE a Ourense, a necesidade de ampliar a Tecnópole, a ampliación prevista da Cidade do Transporte e a demanda dun sector vital para a provincia como é o da moda, entre outras cousas. Daquela, a Consellería «chegou á conclusión de que estamos ante o nacemento dunha nova cidade, conectada con Ourense por transporte público, incluído o ferroviario, que implica a creación de solo empresarial e tamén de actuacións de calidade en materia de vivenda protexida, para dar resposta á demanda de vivenda derivada do emprego que se creará co parque empresarial». O proxecto de Val da Rabeda contempla a creación dun campus industrial, un parque empresarial multifuncional repartido en catro áreas -Taboadela I e Taboadela II e Paderne I e Paderne II- que suma 3,26 millóns de metros cadrados brutos, un centro de actividades empresariais con servizos comúns para as empresas, hábitat de nova creación -albergará vivenda protexida de calidade para dar resposta ás necesidades do emprego que vai xerar o solo industrial- e un sistema de equipamentos e espazos libres con 1,2 millóns de metros cadrados.