«Representamos unha porta aberta á esperanza»

OURENSE

Despois de varios anos de obras Proxecto Home inaugura o pazo de Guizamonde e novos servizos

16 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Tras anos de obras e de lidar cunhas cantas dificultades, o próximo 15 de setembro o pazo de Guizamonde, sede ourensá de Proxecto Home, abre por fin as súas portas completamente restaurado, coincidindo coa Festa da Solidariedade. Una cita, por certo, á que todos os ourensáns están convidados por parte de Ramón Gómez, director de Proxecto Home. A sede, por fin rematada, supón, entre outras cousas, a ampliación de talleres e a creación de vinte prazas na residencia para usuarios de fóra da cidade ou sen familia.

-¿Que supón o remate desta obra para Proxecto Home en Ourense?

-En primeiro lugar, supón o compromiso da institución que, non só con respecto ós usuarios, senón tamén con respecto á sociedade, xa que recuperamos para Ourense un edificio histórico. Pero o máis importante é que prestará servizos que ata o de agora se daban fóra de Ourense por falta de espazo. Aquí se desenvolven programas moi importantes, como é o centro de acollida, o programa de prevención de mozos ou o de ludopatías. Pero había un paso dentro dos tratamentos que non se podía dar aquí. Agora poderemos levar a cabo todo o proceso, cunha ampliación de talleres: ocio e tempo libre, manualidades e informática, que xa funcionaba, pero baixo mínimos.

-¿En que se distinguen os programas de Proxecto Home?

-Somos un recurso libre de drogas. A aposta nosa é ofertarlle ás persoas atrapadas no mundo da dependencia un recurso serio, profesional e que ofrece oportunidades. Representamos unha porta aberta á esperanza. Pero este mensaxe, hoxe máis coñecido, era moi difícil de colocar na sociedade fai dezasete anos. Nós cremos que é posible a rehabilitación e a nosa crenza está avalada por máis de tres mil altas terapéuticas.

-¿Cambiou moito o perfil do usuario nestes anos?

-Moito. Nós temos o programa base, que é o de acollida na comunidade terapéutica, que responde ó perfil de policonsumidor. Pero nestes momentos, atendemos un setenta por cento de usuarios relacionados coa cocaína.

-Falabamos de ampliación de servizos en Ourense. Isto, supoño, supón máis inversión económica.

-A recuperación integral do pazo conseguiuse grazas á implicación da administración autonómica a través das consellerías de Sanidade e Vicepresidencia, da Deputación e do Concello, así como á aportación de seis entidades privadas. A ampliación vai supor un esforzo económico. As cousas non se fan só con padrenuestros. Nestes momentos estamos en relacións coa administración autonómica, especialmente coa consellería de Sanidade e a subdirección xeral de Saúde Mental para implementar os nosos convenios. Esperemos que realmente sexan sensibles e decidan apostar por nós.