Este ano case mil rapaces participaron nas actividades da asociación xuvenil e nos seus campamentos
28 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.A piques de rematar o mes de agosto, na asociación xuvenil Amencer viven un pouco coa resaca das actividades realizadas no verán, especialmente o seu tradicional Campamento Urbano. Non é para menos. Case mil rapaces disfrutaron das súas vacacións da man da asociación e das súas actividades. Xulio César Fernández é un dos seus coordinadores.
-Máis de novecentos oitenta rapaces de diferentes idades. ¿Que supón esta cifra para Amencer?
-Para nós chegar case a mil rapaces é moi significativo. Hai que darse conta de que a Xunta oferta dez mil prazas nos campamentos de verán e nós somos unha asociación humilde de ámbito local. Chegar a case mil mozos e mozas nos enche de orgullo.
-¿Cal é a causa deste incremento de participantes con respecto a outros anos?
-Nós non somos un aparcanenos . Hai un plantexamento educativo, un equipo de animadores. Se traballa o tema afectivo, o tema da convivencia... Nós facemos unha oferta que resposta a necesidades. O Campamento Urbano leva xa vinte anos de traxectoria, levamos dous con Mañás de Verán. De dous meses de vacacións ofertamos un de actividades educativas, lúdicas e recreativas para todas as idades. Estamos respostando ó tema da conciliación do horario laboral co dos rapaces. Nos adaptamos constantemente ás necesidades.
-Unha vez rematadas as actividades facedes unha enquisa entre usuarios. ¿Como foi o seu balance?
-No que respecta a Mañás de Verán lle facemos a enquisa sobre todo ós pais. Os resultados son bastante positivos. No Campamento Urbano si que lles facemos a enquisa ós rapaces. Máis dun noventa por cento nos dan sobresaliente. É unha nota media da que lle poñen ás actividades, ós animadores e incluso a eles mesmos. Para nós tamén é algo moi significativo. O dato máis chamativo para nós é que máis do setenta por cento dos rapaces que viñeron non tiveron outro campamento no verán. É un dereito dos nenos poder divertirse e disfrutar da natureza e dos compañeiros sen ritmos estresantes.
-Contades tamén cunha serie de animadores e de voluntarios. ¿Cal é a súa valoración?
-O equipo de animadores é moi bo. Marcan matices de carácter educativo, pero fan unha lectura moi positiva. En canto ó equipo de voluntarios, moitos foron no seu día campistas urbanos.
-Ver chegar a mozos que foron cativos nos vosos campamentos debe ser moi gratificante.
-Realmente é o que nos fai seguir cara diante. Estamos cansos de que sempre se subliñen aspectos minoritarios e negativos da mocidade. Nós vemos nestes mozos boas noticias e reais. Son xente que fai cousas oplos demais e as fai gratis. E iso hai que dicilo.