San Xoán de Río homenaxeará este sábado a un mestre da Segunda República fusilado durante a Guerra Civil
27 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.A partir do sábado a escola unitaria de San Xoán de Río chamarase Antonio Caneda, un profesor republicano que naceu e deu clase na parroquia de Medos e foi fusilado en 1937 no Alto do Paraño, en Irixo, cando tiña 31 anos. A recuperación da súa memoria é un exercicio de xustiza histórica para toda a sociedade, pero sobre todo para a súa familia, que durante xeracións evitou mirar atrás. O seu sobriño neto, Rafael González, explica que a figura do profesor Caneda regresou ó seu presente case de casualidade.
-Foi nun acto recente en Castro Caldelas. Participaba Xosé Manuel Cid, decano da facultade de Ciencias da Educación e investigador da escola da Segunda República. El coñecía a figura do meu tío e comentou que lle gustaría atopar a familiares de Antonio Caneda, de San Xoán de Río. Entre o público estaba a miña tía, Ana Rodríguez Caneda.
-¿Na familia tiñan presente a figura do seu tío avó?
-Moi pouco, xa que a miña avoa, que era a súa irmá pequena e morreu hai dous, evitou sempre falar do tema. Afectoulle moito o seu fusilamento. O asunto foi evitado na miña familia durante dúas xeracións. Outro dos irmáns, Pedro Caneda, tamén foi perseguido e estivo preso por ser un activista político da República. A miña tía Ana recorda de moi nova a Pedro queimando documentos de Antonio e que dixera que o mataran porque non puideran con el.
-¿É complicado agora reconstruír a súa historia?
-É difícil atopar documentos, pero contamos coa axuda de Xosé Manuel Cid quen relaciona a Antonio Caneda cos intelectuais ourensáns da época. Tiñan uns prantexamentos didácticos que os expertos consideran moi avanzados para a época e incluso vixentes no tempo actual. Existen mencións ó traballo do meu tío avó en artigos e cartas da época. Tamén atopei unha crónica do xornal La Zarpa sobre un mitin organizado polos irmáns Caneda na parroquia de Medos en 1930.
-¿E sobre as circunstancias da súa morte?
-Atopamos o acta de defunción feito polo párroco de San Cosme do Irixo, onde o enterraron. Alí consta que o corpo tiña varias balas e onde o mataran. Ademais que fora identificado por unha amiga, dona Elisa, que pensamos podía ser a súa moza xa que non casara nin tivo fillos. O lugar onde está enterrado sabémolo por unha sobriña daquel cura que aínda vive e que nos sinalou a tumba.
-¿Como está afectando á súa familia descubrir toda esta historia?
-É un impacto pero agora que coñecemos a historia queremos restituírlle a honra ó meu tío. Matárono no verán do 37 e no seu expediente de depuración, que o atopamos nos arquivos de Alcalá de Henares, incluíuse tres anos más tarde, no 1940, a súa separación do corpo de mestres. Cando a Lei da Memoria Histórica estea articulada queremos que lle sexa devolto o título.
-Na homenaxe deste sábado hai ademais un testemuño vivo, un alumno do mestre Caneda.
-É Maximino Vázquez, un señor que vai cumprir 83 anos e que ten unha memoria prodixiosa. Recorda moi ben ó meu tío, porque ó seu pai collérono un día máis despois que a el e estivo preso moitos anos.
-Esto é un principio...
-Para nós é o punto de arranque do rescate da súa memoria, que é sobre todo un acto de xustiza.