En 1958 abría as súas portas «Mosquera y Pumar», unha empresa vencellada á automoción que se especializou en traballos de electromecánica aplicada
22 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A Ángel Pumar Quintas non se lle fai necesario andar camiñando pola memoria para saber cando comezaba un proxecto ao que estivo vencellado toda a súa vida e do que se sinte orgulloso ao ver como ten o futuro máis que asegurado da man dos seus fillos: «O día que me licenciei da mili puxen a empresa en sociedade cun amigo. El botábase para atrás pero ao final convencino e aí estivemos de socios 40 anos -el retirouse hai 10 anos- e a empresa sigue en marcha».
Aínda que Mosquera y Pumar abría as súas portas en Sáenz Díez en 1958, Ángel Pumar non era novo no sector «cando me quedaba unha asignatura para rematar Comercio deixeino e empecei a traballar. Dende os 17 anos estiven traballando e estudiando, e cando fixen a mili aquí en Ourense estiven de chófer do coronel. Quería que me fora con el para Salamanca pero díxenlle que non -xa tiña o baixo alugado para o negocio-». E como acontece en moitas ocasións «o primeiro día xa tiven problemas co dono do baixo: pagáballe 3.000 pesetas e xa había un que lle daba 3.500 para que eu non me puxera alí. Ao final resolvino e dende aquela». O creador da empresa lembra que aqueles anos, en crise económica permanente, foron duros, traballando «sábados e domingos pola mañá, ata a hora de comer, e incluso ata as catro da tarde».
Ex traballadores na política
Roberto Pumar asegura que lle saíron os dentes na empresa familiar «aínda que oficialmente levo 15 anos. Sempre me gustou e compaxinei estudios e traballo, facendo mestría en FP». Aínda que a empresa se adicaba orixinariamente «á reparación de vehículos e maquinaria, fomos especializándonos e agora facemos instalacións eléctricas, grupos electróxenos, montaxes, reparacións e todo o relacionado co sector, sen esquecer os motores eléctricos». Ángel Pumar Bóveda coincide co seu irmán ao afirmar que «levo na empresa dende que nacín. Meu pai sempre alugaba vivenda enriba de onde poñía o taller e eu andaba por alí, e por riba como eran rapaces novos vaste metendo e rematas por implicarte na empresa». Entre os traballadores que pasaron por Mosquera y Pumar hai rostros coñecidos da política ourensán: o ex alcalde Enrique Nóvoa foi empregado do taller e o ex concelleiro José Luis Rodríguez Cid levou a contabilidade.
Ángel Pumar Bóveda, Tito, recoñece que «antes traballábase máis en automoción, en coches, e iso era moi atractivo para un rapaz. Co paso do tempo decátaste que tes unha empresa familiar, que se non te implicas non hai continuidade, e méteste a fondo». Os irmáns aproveitaron a importante carteira de clientes conseguida en tantos anos e potenciaron os traballos de electromecánica aplicada, o que os leva a desenvolver proxectos para algunhas das empresas máis coñecidas e salientables da provincia. Coa vista atrás, Tito lembra «a cantidade de rapaces que se formaron aquí» e o seu pai que «antes traballas moito nos coches pero agora non podes nin abrir un motor porque todo ten que ser cunha máquina». Roberto salienta os certificados de calidade conseguidos pola empresa.
Problemas de acceso
Dende a satisfacción que dá liderar a empresa familiar ubicada en Río Arenteiro, Tito non deixa pasar a oportunidade de denunciar os perxuicios que lle causa ao negocio a decisión do Concello de reordenar o tráfico nesta zona do barrio.