«Creo que esta serie é totalmente exportable»

OURENSE

«Matalobos», que onte viu a luz na Televisión de Galicia, é o novo proxecto do actor ourensán

14 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Está a ser un bo momento para o actor ourensán Rubén Riós. Despois do gran éxito de Pradolongo , recolle os froitos dos seus primeiros traballos como director. A todo iso hai que sumarlle a estrea da serie Matalobos , que promete marcar un antes e un despois no audiovisual galego. Tanto polo seu argumento como pola súa factura, a serie, que onte comezou a súa emisión na TVG, pode ser outra referencia na súa carreira.

-¿Cal é o teu papel na serie?

-Eu entro no capítulo tres e son desta xente que aínda hai hoxe en día que, moitas veces, andando no narcotráfico pensan que son reis e que o moven todo, pero realmente son marionetas nas mans doutros. Eu sonche unha marioneta nas mans de varios narcotraficantes e sicarios. Chámome Salva e son un rapaz cun taller, non moi maduro, que empeza a mover droga en Sardiñeira.

-¿É unha aposta dura, en canto á temática?

-Si, a verdade é que cando recibín os primeiros guións impresionoume, o mesmo que cando vin o primeiro capítulo. En primeiro lugar porque a realización que fixeron vai acorde coa acción. En ningún momento descansa. Ten distintas tramas e todas están entrelazadas e manteñen a túa atención. É unha serie tamén que ten en cada capítulo unha trama que se pecha e lle da mobilidade e frescura á historia, porque entran personaxes novos. Eu creo que este proxecto vai dar moito que falar.

-¿Trátase dunha aposta pola modernización do noso audiovisual?

-Totalmente. É máis, normalmente, cando ti ves un proxecto temos que entendelo aquí, pero tamén é bo que o entendan fóra. E eu creo que esta serie non está só pensada para que sexa emitida aquí. Eu vin moitísimos elementos que calquera persoa de calquera sitio a entende perfectamente.

-¿Entón é exportable?

-Si, creo que é un produto totalmente exportable. Veremos que pasa, pero eu quedei con moi bo sabor de boca despois do primeiro capítulo. E tamén bastante sorprendido e contento co nivel interpretativo.

-Ademais, a serie colle o relevo de Padre Casares.

-Collemos o relevo dunha serie que está dando todo e triunfando e que, a min persoalmente, me fai moita gracia. Collemos o relevo de Padre Casares e a ver se nos axuda para que a xente vexa Matalobos . Eu creo que con que vexan estes primeiros episodios xa o corpo lles pedirá ver os seguintes.

-Matalobos ou Padre Casares, ¿están a elevar o nivel do audiovisual galego?

-Supoñen unha evolución. Teñen unha factura moi bonita, de xente que leva varios anos traballando e iso se nota, se ve unha calidade tremenda. A min me gusta moito a forma que temos de gravar nesta serie, cámara en hombro, moitísima acción e todo moi coidado.