«Voume do BNG porque é o único xeito de poder opinar xa que dentro non se pode»

C. Paradela

OURENSE

24 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Miguel Carballo, o pintor de Tamallancos e portavoz do BNG no Concello de Vilamarín, de forma intermitente desde 1995, presentou na asemblea comarcal do seu partido, o pasado fin de semana, a súa autosuspensión de militancia do Bloque por tempo indefinido.

-¿A que se debe esta decisión?

-Voume do BNG porque é o único xeito de poder opinar xa que dentro non se pode. Se non se pertence a unha corrente non se pode falar, nin crear unha lista. Por iso fágoo, como un sinal de protesta, porque hai un dobre carné de superior categoría e os que temos só un e contamos só para traballar.

-¿Seguirá como concelleiro e portavoz de Vilamarín?

-Si, a non ser que me digan o contrario. Seguirei como ao principio como independente, sen ter ningunha militancia.

-Dixo que cre que o golpe recibido nas urnas polo BNG foi merecido, ¿ségueo pensando?

-Algo fallou porque non cumprimos as expectativas, nin da xente nin as que tiñamos a militancia, esperabamos máis, aínda que non é ese o motivo principal do meu autosuspensión de militancia senón que o BNG vai por un camiño que non me gusta e hai que buscar outro tipo de organización.

-¿Cal?

- Un partido democrático pero un só, non unha chea con outra chea de partidos dentro, un berenxenal, na que por outro lado controla e manexa todo sobre todo un, e dar paso a un partido novo.

-¿Conseguirase pronto?

-É o momento porque estamos nun período de reflexión e espero que evolucione a iso que me gustaría.