O deputado do PP desenvolve unha inusitada actividade en Compostela e por toda a provincia no seu afán por consolidarse como alternativa para o congreso provincial
21 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.José Manuel Baltar Blanco sempre recoñeceu unhas cantas filias e querencias ao longo destes anos de traxectoria política. A súa paixón polo blanco, que tanto o fixo penar nos últimos tempos polos sucesivos fracasos do Real Madrid, polas novas tecnoloxías e polas viaxes son un lugar común. É precisamente esta última faceta -a do particular Willy Fog que o mesmo aparece en fotos con Paco Vázquez na sede da Embaixa de España en Roma como de sendeirismo polo municipio donde é concelleiro (Esgos)-, á que lle está tirando un maior rendemento.
As gaitas que tanto gostan na Deputación de Ourense non tocan desta volta por ningún Papa, presidente da Xunta ou membro da casa real. Os foles provinciais ventan relevo no partido maioritario en Ourense e algúns están decididos a que remate a etapa de José Luis Baltar como home forte do PP e da Deputación. O mesmo que o deputado autonómico José Manuel Baltar Blanco está decidido a que nese relevo se conte con el e co que teña que dicir de cara á sucesión de seu pai.
Da Xunta ao pregón de Melón
E Baltar Blanco, o fillo de Baltar Pumar que se adica á política, non aforra en esforzos para chegar ben posicionado á carreira sucesoria que se disputara no outono: nos últimos tempos aparece en máis fotos que o propio Baltar ou Rogelio Martínez e o mesmo vai acompañando a alcaldes ou portavoces que demandan ou xestionan calquera proxecto en Santiago que participa cos conselleiros na Feira do Viño do Ribeiro, na Mostra de Teatro ou na presentación da I Festa do Melón, donde por certo vai ser o encargado de exercer como pregoeiro. E mentras non toca sucesión Baltar Blanco sigue hiperactivo: hoxe xuntanza con cargos da comarca de Celanova e mañá xa se verá.