O PEN Clube de Galicia xunta en Santo Estevo a autores novos e consagrados, xunto con creadores portugueses, para gabar o «oficio de escritor» de Fernández Ferreiro
14 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.«Os escritores novos teñen toda a liberdade do mundo de matar ao pai, pero antes hai que coñecelo. E con este encontro do Oficio de Escritor os autores consagrados teñen a oportunidade de recoñecer a un autor imprescindible, como é Xosé Fernández Ferreiro, e os novos autores a de estar diante dun escritor de raza. Se estivésemos nunca época de resistencia bastaría un creador como Xosé Fernández Ferreiro para que o galego non morrese». Con estas palabras gababa o presidente do PEN Clube de Galicia, Luís González Tosar, ao escritor ao que dende onte se lle rende homenaxe no parador de Santo Estevo de Ribas de Sil. Unha paraxe, a de Santo Estevo e os canóns do Sil, que forma parte da memoria íntima de Fernández Ferreiro ao estar escrita, no barallete dos homes que van tras da roda, nas aventuras de xuventude daquel rapaz de Espartedo que rematou por ser xornalista e escritor.
Na xuntanza de escritores galegos e portugueses arredor de Fernández Ferreiro participaron os narradores de Biblos Patricia Casas, Pablo García Martínez, Iria López Teixeiro e Alberto Ramos, moderados polo escritor e xornalista Tucho Calvo. Para Calvo o autor homenaxeado polo PEN foi quen de explorar «coma ninguén as diferentes vías de creación literaria e experimentar en campos tan diversos como na novela de western, a ciencia-ficción ou mesmo afondar na traxedia da Guerra Civil e na opresión da poboación». Pola tarde houbo un encontro entre escritores galegos e portugueses para debatir arredor do feito de escribir en Galicia e no norte de Portugal. Moderado por González Tosar, participaron nel Xosé Carlos Caneiro, Xosé Ramón Pena, Inma López Silva, Bieito Iglesias, Valter Hugo Mae e Rui Lage.
Na xornada de homenaxe celebrada no parador de Nogueira de Ramuín estiveron compañeiros de Fernández Ferreiro como Álvarez Torneiro ou Méndez Ferrín, entre outros.
«Sempre quixen escribir»
Ferreiro dixo na mesa redonda protagonizada pola «voz dos amigos» que el sempre se atopou «moi a gusto pasando desapercibido» e que «dende que teño uso de razón sempre quixen ser escritor», ao tempo que lembrou a «influenza e o apoio que recibín de persoeiros como Cuevillas, Risco ou Otero Pedrayo». Polo encontro pasaron os directores xerais López Barxas (Cultura) e Ovidio Rodeiro (Xuventude) e Anxo Lorenzo.