«Decidín presentarme porque Paco ten outro cargo»

OURENSE

Fernández tomou a decisión de presentarse a secretaría provincial do PSOE trala renuncia do alcalde da capital

20 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Alcalde durante case 19 anos en Castrelo do Val, Raúl Fernández compatibilizaba o cargo coa súa profesión de mestre. No ano 2005, sen embargo, tivo que deixar as aulas para converterse en delegado de Política Territorial co bipartito. Trala derrota electoral de marzo so tivo uns meses para relaxarse e xa se prepara para volver á primeira liña da vida pública como candidato á secretaría provincial do PSOE.

-¿Como tomou a decisión?

-Esta decisión ven tomada fundamentalmente polo ánimo que militantes, cargos públicos e orgánicos do partido me foron transmitindo ó longo dunha temporada e que fun madurando pouco a pouco. Ó final puido máis o meu desexo de colaborar coa actividade social desde partido que a miña comodidade individual.

-Se tivo tanto tempo para pensalo, ¿por que non se decidiu ata dous días antes do congreso?

-A miña vocación, máis alá de ambicións persoais, foi sempre a de que saíra como secretario provincial a persoa que mellor podía representar o partido na provincia. Así se foron barallando unha serie de nomes e decidín ó final decidín presentarme porque Paco en Ourense ten outro cargo de relevancia e a situación que ten Ourense é de suficiente calado como para que se dedique a unha cousa e non a máis.

-Despois de días de loubanzas públicas ao alcalde de Ourense para que asumira o cargo, ¿cree que xerará vostede tanto consenso?

-Eu percibo que si se xerou ese consenso e sei que conto coa colaboración inequívoca de Paco. Dou este paso por iso, senón non o houbera dado.

-¿Contará co alcalde na executiva?

-Si. Paco é un apoio incondicional para a executiva que saia e está disposto a aportar o mellor de si mesmo para colaborar con este proxecto. Paco ten a suficiente relevancia, coñecementos e valía como para que a sociedade ourensá poida prescindir del.

-¿E con Eladio Fernández?

-Tamén quero contar con Eladio porque creo que fixo un traballo ingrato nestes meses polo partido, coa mellor vontade do mundo, con acertos e coa disposición sempre a estar onde o partido o crea convinte. Sei que conto coa súa disposición a colaborar.

-¿En que medida influirá o secretario xeral do PSOE galego na executiva provincial?

-Non ten por que influír. Pachi é o secretario xeral de Galicia. Evidentemente sempre se contará coa súa aportación porque non se pode esquecer que é da provincia de Ourense pero o seu traballo diario está en Galicia e non tanto en Ourense. Temos que acostumarnos a que a executiva funcione por si sola e teña o seu propio criterio de traballo.