« Procuramos que a xente se implique coa cidade»

OURENSE

Berta Pérez fai un repaso dos programas da oficina de voluntariado ao tempo que traballa en novos proxectos

19 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Fai algo máis dun ano que a Concellería de Xuventude e Voluntariado, dirixida por Marta Arribas, puxo en marcha a oficina municipal de voluntariado. Un espazo para a solidariedade e a colaboración cidadá que diariamente atende Berta Pérez e que pecha un primeiro ciclo con moi bo sabor de boca.

-A oficina naceu coa vontade de formar ó voluntariado. ¿Cómo marcha este proxecto?

-Dende o 2008 existe un plan municipal de voluntariado, pero o ano pasado se lle tentou dar un maior pulo a través de diferentes accións. Unha das primordiais é o plan formativo, porque a formación é moi importante. Pechamos o 2009 con oito cursos e estes días estamos a traballar no plan formativo deste ano e nalgunha campaña de sensibilización.

-¿A cantos ámbitos do voluntariado atende a oficina?

-É certo que se tende a asociar voluntariado con cuestións sociais, pero en realidade o voluntariado pódese exercer en calquera ámbito. Entre outros, dende a oficina promovemos o que sería voluntariado municipal, voluntariado cívico. Diste tivemos un par de exemplos o ano pasado, no Festival Internacional de Cine e na carreira do San Martiño. Corenta persoas se derivaron dende a oficina para o primeiro e para a carreira derivamos cento cincuenta persoas. Procuramos que a xente se implique nas cousas da cidade.

-¿Cal é o procedemento ante un aspirante a voluntario?

-Por un lado formamos á persoa e por outro somos intermediarios entre esas persoas e as organizacións. Cando alguén chega, facemos o seu perfil e as súas preferencias e, con eses datos, o poñemos en contacto coa organización pertinente.

-¿Cal é o perfil do voluntario ourensán?

-Pola oficina municipal, que está na praza de san Martiño, no antigo edificio da policía local, pasa moita xente moza. Veñen a preguntar por actividades de ocio, formación e voluntariado. O perfil do voluntario está cambiando, pero si que hai moitísima xente nova. Universitarios co que estudan carreiras relacionadas co social ou o medio ambiente. Nótase tamén un incremento de xente desempregada, que precisa ocupar o seu tempo libre mentres non atopa traballo, e tamén no sector dos maiores. É un grupo social moi importante que empeza a apuntarse ó voluntariado. Por certo que, para todos eles, temos xa operativa a web: www.xuventudevoluntariado-ourense.es

-¿É preciso ser maior de idade para ser voluntario?

-Non é necesario, calquera pode ser voluntario, pero os menores de dezaseis anos teñen que presentar unha autorización do seu pai ou nai. Os nenos tamén poden ser voluntarios, con actividades apropiadas á súa idade.